A CIG, con 1010 votos, foi a forza máis votada nas eleccións sindicais de Banca
O resultado das eleccións sindicais en banca, celebradas o pasado 13 de febreiro, reflicte un apoio importante á CIG, que conseguiu 44 representantes dun total de 143, sendo o sindicato máis votado, con 1.010 votos. A CIG-Banca queda así a unha distancia de 2 representantes con respecto á primeira forza.
Para a federación estes resultados conseguíronse “moi a pesar da patronal e dos sindicatos estatais” que, segundo explica a CIG-Banca, “fixaron as candidaturas do sindicato nacionalista coma o adversario común a derrotar”.
As eleccións sindicais celebrábanse ademais logo dos sucesivos procesos de fusión e reestruturacións dos cadros de persoal acontecidos no sector, coa perda de centos de empregos e peche de numerosos centros de traballo. Por iso se presentaban moi complicadas para a CIG, tendo en conta, sobre todo, a desaparición definitiva do Banco Pastor, única entidade que mantiña a súa vinculación con Galiza (aínda que controlada desde Madrid).
Estes procesos deron como resultado un mapa bancario en Galiza controlado dende a capital do Estado, con dúas grandes entidades que recollen o groso da representación sindical do sector, BBVA e Santander.
Porén, o apoio recibido manifestouse sobre todo nas dúas entidades máis grandes do sector. No caso do Santander, unha vez integrado o persoal dos desaparecidos Banco Pastor e Banco Popular (onde se pasaron de elixir 120 representantes sindicais a elixir 58) a CIG conseguiu revalidar a súa representatividade, cun incremento porcentual tanto a nivel de comunidade como a nivel estatal, sendo a segunda forza máis votada con 537 votos e 16 representantes en Galiza, a 1 representante respecto da primeira forza.
No caso do BBVA, a CIG mantén a súa posición como primeira forza, con 290 votos e 17 representantes, conseguindo incrementar os resultados do proceso anterior en 2 representantes máis, e sacando unha vantaxe de 6 representantes con respecto á segunda forza. Apoio que a federación atribúe ao “bo facer da sección sindical da CIG nos últimos catro anos”.
A Federación de Banca da CIG valora moi positivamente estes resultados, tendo en conta o contexto no que se celebraron, claramente adverso á central sindical. Considera que constitúen un bo punto de partida para traballar de cara a incrementar a súa presenza no sector, tendo en conta ademais que durante este ano 2019 se negociará o convenio da banca, no que se afrontarán retos tan importantes como o control da xornada, as cargas de traballo e a fixación de obxectivos por parte das entidades, ao tempo que posiblemente se dean novos procesos de fusión e redución de oficinas e persoal, que xa están na axenda da patronal.