CIG chegará a onde sexa necesario para conseguir a restitución de todos os dereitos de Nélida Pisco
Delegados e delegadas da CIG, entre os que se atopaban compañeiros/as do sector de transporte de viaxeiros da área de Compostela, representantes da Executiva da CIG, da secretaría da Muller e de diversas federacións, ademais de representantes institucionais nacionalistas, quixeron este xoves mostrar o seu apoio a Nélida Pisco na concentración convocada pola central sindical diante da estación de autobuses de Compostela. Unha mobilización en denuncia do acoso laboral que padece a condutora de Autobuses de Calo por parte da empresa e en demanda da súa inmediata readmisión no seu posto de traballo en condicións dignas.
Con esta concentración a CIG tiña como obxectivo exixir a inmediata intervención da Xunta de Galiza en defensa dos dereitos dunha muller traballadora sometida a acoso laboral nunha empresa que é concesionaria dun servizo público como é o transporte metropolitano, que depende directamente dunha lei e dun concurso público da consellaría de Infraestruturas e Vivenda.
De feito, no decurso da concentración, Inácio Pavón, da FGAMT de Compostela, lembrou que xa hai máis de unha semana que está solicitada unha entrevista coa conselleira, Ethel Vázquez, que aínda non obtivo contestación. “A Xunta debe deixar de mirar para outro lado, dunha vez, e implicarse nun conflito que transcende as simples diferenzas laborais entre unha empresa e unha traballadora”, afirmou.
A isto engadiu que estamos diante dunha situación que “está acreditada por sucesivas actas da Inspección de Traballo, sentenzas do xulgado do Social de Santiago e do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”.
O propio secretario xeral da CIG, Suso Seixo, foi o encargado de pechar o acto lembrando todo o acontecido desde o ano 2009. Data na que se inicia este conflito coa solicitude dunha redución de xornada.
Responsabilizou á Xunta de Galiza e ao propio presidente, Núñez Feijóo, por publicitar medidas favorábeis á defensa dos dereitos das mulleres e contra a violencia machista mentres que, porén, nun caso real como o de Nélida Pisco non actúan. Por iso acusounos de ser “cómplices” da empresa nun caso que cualificou como “gravísimo”, como este.
Seixo denunciou a situación de desprotección na que a DGT deixou á traballadora e denunciou ademais o papel da UGT neste asunto, xa que a CIG vén de ter coñecemento dun escrito asinado polo responsábel do sector a nivel galego no que se lle demandan á empresa medidas contra Nélida Pisco. Unha cuestión pola que a central sindical solicitará ao máis alto nivel que a UGT-Galicia desautorice este proceder.
O secretario xeral da CIG agradeceu a Nélida a súa loita pola dignidade e en defensa dos seus dereitos e condicións laborais e comprometeu ademais o apoio de toda a central sindical até o momento en que se solucione definitivamente a súa situación.