A CIG-Compostela denuncia que a concesionaria do servizo de limpeza da USC segue vulnerando os dereitos das traballadoras
Na xuntanza, que se enmarca na serie de reunións que as/os traballadoras/es veñen mantendo coa USC desde o verán, denunciouse que CLECE ademais de amortizar 14 postos de traballo, despediu nos últimos meses a dous traballadores/as. Xunto a isto sinaláronse os incumprimentos da concesionaria en materia de xornada.
A este respecto, Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG-Compostela explica que CLECE se comprometeu, hai máis de un ano, a incrementar a xornada daquelas traballadoras que estaban a tempo parcial e pasalas a xornada completa. Porén, afirma Noceda, “nin sequera lle transmitiron ao comité de empresa a totalidade dos lugares de traballo nos que se lles podería incrementar a xornada”.
Do mesmo xeito, reiteróuselle á USC que CLECE segue a incumprir a cobertura do 100% das baixas das persoas en situación de IT ou outras ausencias. Algo ao que tamén se comprometera Clece na súa oferta técnica cando concorreu a esta concesión.
Tamén se trasladou á Xerencia da universidade a pretensión de Clece de abrir negociacións para rebaixar as condicións laborais das traballadoras actualmente contratadas (conxelación de antigüidade, supresión da cobertura do 100% por IT, incremento da xornada laboral, entre outras). “Clece fai isto malia ter concursado para obter a concesión coñecendo as condicións económicas e laborais existentes nesta contrata, xa que tamén era a anterior adxudicataria, e faino malia non terse modificado en absoluto as condicións da mesma”, subliña Noceda.
Para o secretario comarcal da CIG de Compostela máis grave aínda é a pretensión de Clece de rebaixar as condicións vixentes para o conxunto do persoal nas novas contratacións. “O que quere a concesionaria é que o persoal que entre a traballar na limpeza da universidade en diante, e desde o 1 de xaneiro deste ano, teña unhas condicións inferiores ás compañeiras e compañeiros con contratos anteriores a esa data”.
Noceda explica que isto implicaría para ese novo persoal unha perda en materia de salario anual de arredor de 4.500€ brutos ao ano; a supresión do concepto de antigüidade; a eliminación dos complementos por IT e un incremento da xornada laboral en máis de 150 horas anuais. “Semella que a intención de CLECE é converter a unha administración pública, na súa financeira particular, a custo cero”.
Sobre isto o secretario comarcal da CIG de Compostela matiza ademais que “Clece é coñecedora de que calquera modificación das condicións laborais actualmente vixentes no servizo de limpeza da USC tería que pasar por un acordo entre partes. Por iso recorre a empregar subterfuxios para, pola porta de atrás, intentar conseguir eses fins”.
Subcontratación vía Centro Especial de Emprego
Noceda denuncia que para iso CLECE propúxolle á USC a subcontratación de parte deste servizo de limpeza cun Centro Especial de Emprego, en concreto o CEE Integra, que forma parte do propio grupo empresarial de CLECE. “A contratación por esta vía, cinguíndonos estritamente á cuestión económica, podería implicar unha diminución das retribucións salariais de até 9.000 euros/ano, ademais das bonificacións ás que podería acceder con este sistema de contratación”.
Neste punto, a CIG lamenta que, por parte da USC se accedese a permitir esta subcontratación, aínda que non no grao no que inicialmente pretendía CLECE –querían que abranguera a entre o 30 e o 40% do servizo- .
Por iso tamén este martes, mentres se celebraba a xuntanza coa Xerencia, as traballadoras concentráronse diante da Casa da Balconada, tal e como se acordara na última asemblea, na que ademais se decidiu manter as mobilizacións -sen descartar ningunha medida- mentres non se garanta o estrito cumprimento dos acordos até o de agora asinados e das condicións laborais actualmente existentes. “Todas as traballadoras e traballadores deben ver garantidos os mesmos dereitos laborais e condicións salariais independemente das súas capacidades”, incide Noceda.
O secretario comarcal da CIG de Compostela sinala ademais que, logo desta xuntanza, valoráronse positivamente, sempre e cando se cumpran, os controis que a USC anunciou que porá en marcha para vixiar o cumprimento das condicións ofertadas por Clece nesta contrata, en canto a mínimos de persoal ou cobertura de baixas.
Ademais a universidade comprometeuse a, cando menos, valorar novamente se se mantén a subcontratación de servizos ou, no seu defecto -de seguir autorizándose-, demandar de CLECE que as condicións laborais das e dos traballadores contratados por esta vía teñan que ser iguais ás do resto. “A estes efectos concretouse unha nova xuntanza entre a representación das/os traballadoras/es e a universidade para o vindeiro día 14 de abril”.
Anxo Noceda conclúe que “até o de agora os mínimos avances que podemos constatar foron só posíbeis pola mobilización do persoal. Por iso a CIG insistiu, na asemblea de traballadoras/es, en manter a presión para acadar os obxectivos que se teñen marcado”.