A CIG-Compostela chama a participar na concentración de apoio a Chema Naia
A Unión Comarcal da CIG de Compostela fai un chamamento a participar na concentración que terá lugar diante dos xulgados de Fontiñas este luns día 20 a partir das 9:30 horas, coincidindo co xuízo no que lle piden varios anos de cadea ao activista Chema Naia por participar nunha manifestación contra o desaloxo do centro social ocupado Escarnio e Maldizer de Santiago.
Dende a central sindical lembran que os feitos polos que Naia está encausado sucederon durante unha mobilización de protesta polo desaloxo na que a Policía española cargou contra os manifestantes, deixando inconsciente a Naia, que foi detido e trasladado a comisaría, pasando varias horas até que puido ser atendido por persoal sanitario.
O afectado denunciou posteriormente o acontecido, polo que foi denunciado pola Policía, e agora enfróntase a unha solicitude de varios anos de cadea acusado dun suposto atentado contra a autoridade. “Desta forma pretenden reprimir as persoas para que non participen en colectivos sociais e non denuncien os abusos policiais”, censuran dende a CIG.
Por iso a central sindical apoia e chama a participar na protesta solidaria na que tamén se reclamará a absolución de Naia “e na que alzaremos a voz para que se deixe de criminalizar a mobilización e a participación en colectivos sociais”.