A CIG completa a rolda de xuntanzas no Parlamento en demanda de iniciativas en prol da negociación colectiva en Galiza
O secretario confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara, e o de Finanzas, Ramiro Oubiña, manifestaron a súa preocupación polas consecuencias que en materia de negociación colectiva tiveron as sucesivas modificacións lexislativas no Estatuto das Traballadoras e Traballadores.
Modificacións que afectaron a materias fundamentais como a aplicación e interpretación do convenio colectivo, a flexibilidade interna, a estrutura da negociación colectiva, a lexitimación para negociar ou a concorrencia, prevalencia, contido e vixencia dos convenios colectivos.
Subliñaron ademais as consecuencias derivadas de dar prioridade aos convenios de empresa fronte aos de sector, o que permitiu rebaixar o que estes recollen; limitar a ultraactividade dos convenios a un período máximo dun ano e facilitar ou dar liberdade ás empresas para non aplicar un convenio colectivo. Cuestións que xeraron un panorama que cualificaron como “desolador”.
Os representantes da central sindical sinalaron ademais que o resultado foi que o contido dos convenios empeorou; os salarios nuns casos diminuíron, noutros quedaron conxelados e noutros tiveron uns incrementos ridículos; cada vez, inaplícanse máis convenios ou simplemente non se negocian e increméntanse as desigualdades salariais entre traballadores e traballadoras dunha mesma empresa e mesmo entre empresas dentro dun mesmo sector”.
Para a CIG, estes cambios na normativa laboral acometéronse de forma consciente por parte dos diferentes gobernos españois para provocar unha caída xeneralizada dos salarios, dividir a clase traballadora pola vía da atomización dos convenios e a individualización da negociación das condicións laborais. Un proceso que se viu agudizado coas sucesivas contrarreformas laborais que facilitaron e abarataron o despedimento, flexibilizaron a contratación facilitando a fraude e a precarización da mesma, posibilitaron a modificación substancial das condicións de traballo e a distribución irregular da xornada, baixo a falsa xustificación de ser políticas necesarias para poder saír da crise, pondo interesadamente como unha das causas principais da orixe e saída desta as supostas rixideces do mercado laboral, agochando así as verdadeiras razóns desta crise que teñen a súa orixe no modelo económico financeiro de economía especulativa.
Recuperar e fortalecer a negociación colectiva
Diante desta situación, da que deron conta aos grupos parlamentares e que para a CIG é de “emerxencia para a clase traballadora”, a central sindical entende que é imprescindíbel derogar os decretos que permitiron chegar a este punto e recuperar o protagonismo e o fortalecemento da negociación colectiva.
Un fortalecemento que a CIG entende que non é posíbel sen a participación activa da clase traballadora, o cal implica promocionar e potenciar os ámbitos de negociación no que sexan os traballadores e traballadoras afectados, así como os empresarios, os verdadeiros protagonistas a hora de decidir sobre o que se negocia, se acorda e en que termos se fai a negociación.
Por iso a central sindical considera contrario aos intereses da clase traballadora e a unha dinámica que supoña o fortalecemento da negociación colectiva, calquera proceso de estatalización dos convenios hoxe existentes en Galiza, no ámbito provincial ou de empresa. E entende que toda a negociación colectiva debe desenvolverse no ámbito galego, baixo o estrito control e interese da clase traballadora e da patronal galegas, priorizando as unidades de negociación sectorial máis próximas e apostando polo tanto responsabelmente a defender de forma colectiva a autorregulación dunha materia que ten que ser básica a hora de fixar as condicións de traballo e adaptalas á realidade social e económica de Galiza.
Neste sentido, ao igual que xa propuxera ao BNG e AGE nas xuntanzas mantidas con estes grupos a semana pasada, propuxo este mércores ao grupo Mixto, PP e PSOE que insten ao Parlamento de Galiza a aprobar que:
- O marco galego de relacións laborais esixe que os convenios sectoriais provinciais, autonómicos ou doutro nivel superior ao de empresa, teñan prevalencia non só sobre o convenio de empresa, senón tamén sobre os estatais. Igualmente os acordos sobre materias concretas ou acordos de estrutura a nivel de Galiza deben prevalecer sobre aqueles de ámbito estatal de semellantes características.
- Reforzar a garantía da ultraactividade ilimitada do convenio colectivo.
- Os convenios sectoriais terán a consideración de dereitos básicos, polo cal ningún convenio de empresa poderá establecer condicións inferiores ás determinadas polos convenios sectoriais de referencia.
Xunto a isto solicitaron que nesas proposicións e ou iniciativas se inclúa tamén o acordo de dar traslado a todas as organizacións empresariais e sindicais actuantes en Galiza, así como o Consello Galego de Relacións Laborais e se acorde apoiar todas aquelas iniciativas, sindicais ou lexislativas, que contribúan a facer viábel este pronunciamento.