A CIG comeza este luns os repartos informativos en Ourense contra a represión sindical en Coren
A CIG iniciará este luns 1 de xullo a campaña contra a represión sindical en Coren, coincidindo coa constitución da mesa electoral, cun reparto simultáneo de panfletos en dúas tendas da empresa e en catro supermercados clientes do grupo ourensán de alimentación que está a ameazar e coaccionar as persoas candidatas da central ás eleccións sindicais para que opten por non presentarse.
A primeira das accións contra esta política de acoso por parte da dirección de Coren -que incluíu o despedimento dun dos integrantes da lista da CIG- consistirá nun reparto masivo de información entre os clientes dos establecementos das rúas Eulogio Gómez Franqueira e Bedoya entre as 12:00 e as 14:00 horas.
De xeito paralelo distribuiranse panfletos tamén nos supermercados Carrefour (Barbadás), Gadis (no centro comercial Ponte Vella), Eroski (rúa San San Rosendo) e Froiz (rúa Concordia), nos que Coren comercializa os seus produtos.
A campaña continuará o vindeiro martes día 9 cunha concentración diante da tenda de Coren da rúa Eulogio Gómez Franqueira de 11:00 a 13:00 horas, xa que dous días despois terá lugar o acto de conciliación polo despido no SMAC.