A CIG combinará propostas e mobilizacións contra a precariedade e a pobreza laboral

Desenvolveu asembleas de delegados/as previas ao 8 e 10 de Marzo no marco da campaña ‘Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos'
Nacional - 06 Feb 2025

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou hoxe que a central sindical combinará ao longo deste ano a socialización de propostas co desenvolvemento de protestas contra a precariedade e a pobreza laboral no marco da campaña ‘Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos’. Hoxe celebráronse asembleas de delegados/as nas sete cidades do país e en Ribeira para abordar o contido dunha campaña na que se insiren as mobilizacións dos vindeiros 8 e 10 de Marzo e que se estenderán tamén ao mes de abril, camiño do Primeiro de Maio.

Durante a súa intervención na asemblea que tivo lugar en Vigo, Carril apelou á necesidade de dar unha resposta ao actual retroceso nos dereitos e nas condicións de vida da clase traballadora, nun contexto marcado pola extensión da pobreza laboral e pola caída dos salarios que afecta especialmente as mulleres e a mocidade.

Neste senso, incidiu en que coa campaña que a CIG vén de poñer en marcha preténdese enfrontar a precariedade laboral, o empobrecemento da clase traballadora, rematar coas desigualdades de xénero e a fenda salarial, garantir a creación de emprego de calidade e a protección social.

Para isto a central sindical combinará a mobilización na rúa coa difusión e socialización dunha ducia de propostas, entre as que salientou a redución da xornada laboral ás 35 horas semanais (cara a xornada de catro días á semana, a 32 horas), a derrogación da reforma laboral de 2021 (que estendeu a contratación fixa descontinua e a tempo parcial e non rematou coas cadeas de subcontratación), a suba do SMI ao 60% do salario medio do Estado español en cumprimento da Carta Social Europea ou o establecemento dunha renda de inserción social que garanta uns ingresos mínimos.

Axenda neoliberal

O máximo responsábel da CIG aproveitou tamén para cargar contra o chamado ‘diálogo social’ “que dificulta as nosas reivindicacións e non fai máis que engordar a patronal”. Até o punto de que -segundo sinalou- o peso das rendas do traballo no PIB reducíronse en máis dun 5%, mentres que as rendas do capital aumentaron un 12%. De igual xeito, acusou o Goberno español de aplicar programa neoliberal imposta pola Unión Europea. “Os partidos do Goberno e da oposición coinciden na visión unitaria do Estado e na axenda neoliberal”, censurou. Como exemplo puxo a recente derrogación da xubilación aos 61 anos e a non aprobación da suba das pensións.

En canto á situación en Galiza, censurou que a Xunta “pretende convencernos de que a problema non é dependencia colonial que padecemos, o espolio dos nosos recursos (Altri, mina de Touro ou plan eólico), ou que sexamos produtores de enerxía para que se beneficien outras zonas”.

E sinalou que as políticas “ultraliberais” do PP no noso país teñen como resultado un maior avellentamento da poboación, unha constante emigración e unha mercantilización dos servizos públicos”. “Queren converternos unicamente nun centro de atracción turística, coa problemática en materia de vivenda que iso supón”.

Fronte a esta realidade apelou á pertinencia de intensificar as protestas na rúa e o conflito nos convenios, combinando mobilizacións e propostas concretas, “sobre todo agora que os convenios galegos teñen prioridade sobre os estatais”. Nesta liña, valorou o feito de que naqueles convenios nos que a CIG ten maioría lógranse mellores condicións, até o punto de que nos últimos anos os salarios galegos foron reducindo a diferencia histórica cos do resto do Estado.

Finalmente, fixo un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas ao longo do país pola central sindical os vindeiros 8 e 10 de Marzo, Día das Mulleres Traballadoras e Día da Clase Obreira Galega. Datas que se celebrarán baixo o lema da campaña que hoxe comezou coa celebración de asembleas de delegados/as nas sete cidades: ‘Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos’.