A CIG clama pola readmisión do seu delegado no comité de Barreras e contra a represión sindical
A Unión Comarcal da CIG de Vigo e a federación de Industria retomaron esta mañá as mobilizacións para esixir a readmisión de Rafa Pérez, delegado da central sindical no comité de empresa de Hijos de J. Barreras SA. Durante a concentración, que se desenvolveu ás portas do estaleiro de 10:30 a 11:30 horas, tamén se rexeitaron as prácticas de represión sindical da compañía.
Máis dun cento de traballadores/as e de delegados/as sindicais participaron na protesta en solidariedade con Pérez ao berro de “Abuso patronal, resposta sindical”, “Despedido readmisión” e “Barreras, escoita, a CIG está en loita”. E é que a central sindical non está disposta a permitir este claro caso de represión sindical, polo que seguirá a convocar mobilizacións até lograr a readmisión do compañeiro, tal e como asegurou o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves.
O responsábel sindical cualificou de “mafiosa” a forma de actuar da dirección da empresa en todo o que tivo que ver cun despedimento que se produciu despois dunha ocupación simbólica das instalacións de Barreras por parte da CIG para reclamar unha intervención pública do estaleiro ante a grave crise que atravesa. “Pensaban que despedindo a Rafa atacaban a parte máis débil, e que iamos achantar como UGT e CCOO, pero equivocáronse; imos seguir até rematar con esta situación inxusta, até lograr a súa readmisión”, indicou Gonçalves.
A protesta de hoxe produciuse despois da celebrada o pasado mes de agosto coincidindo co acto de conciliación no SMAC, que rematou sen acordo porque Barreras non puxo sobre a mesa a readmisión do compañeiro, polo que o xuízo na que a central sindical reclamará a nulidade do despido terá lugar no mes de xaneiro.
Falsas acusacións
Para xustificar a súa decisión, a empresa imputáralle dúas faltas por presunto abandono do posto de traballo e por ter supostamente facilitado o acceso ás instalacións para realizar a ocupación simbólica das instalacións do estaleiro, o pasado 27 de maio, poñendo en perigo os compañeiros/as por incumprir o protocolo covid.
Cuestións que o propio Pérez afirma que son absolutamente falsas e que a empresa inventou para despedilo, nun claro caso de represión sindical, xa que tal e como lembrara no seu día o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “o despedimento responde ao intento de amedrentar, de querer calarnos a boca ante a crise que atravesa o sector naval na comarca de Vigo e pola nosa esixencia ás administracións de que actúen para evitala”.