A CIG clama nas rúas de Ourense contra o peche de dúas sucursais do BBVA
A sección sindical da CIG no BBVA mobilizouse hoxe en Ourense para amosar o seu rexeitamento ao peche de dúas oficinas da entidade financeira e para denunciar a restrición de servizos á clientela.
As concentracións tiveron lugar de 11:00 a 11:30 horas diante da oficina da rúa do Progreso, 38, e de 11:45 a 12:15 horas diante da oficina da rúa Bos Aires, 58, onde se despregou unha faixa na que se podía ler 'Polo mantemento dos postos de traballo no BBVA. Non á restrición dos servizos á clientela' e berraron consignas contra o peche das sucursais e en defensa do emprego.
Porque o principal motivo destas mobilizacións é manifestar o rexeitamento da central sindical ao constante peche de oficinas, que vai supoñer unha nova restrición de servizos para a clientela, nomeadamente para a poboación máis vulnerábel, “tras o salvaxe ERE executado pola entidade recentemente” que suporá o despedimento de máis 100 traballadoras/es e o peche de 26 oficinas en Galiza.
Neste senso, denuncian que o banco está aplicando os despidos e os peches aos poucos para minimizar o impacto social do ERE, e incluso deixando oficinas atendidas por axentes financeiros externos (a empresa bota persoal propio para contratar persoal falso autónomo en peores condicións), “para simular que non hai cambios, aínda que no longo prazo acaba cerrando definitivamente as sucursais”.
A central sindical opúxose dende o primeiro momento ao ERE (asinado por CCOO, ACB e UGT) por ser inxusto e inxustificado, toda vez que o banco obtivo beneficios millonarios (1200 millóns de euros só no primeiro trimestre), que existe unha enorme sobrecarga de traballo na rede de oficinas e que a clientela demanda atención presencial, “como evidencian as colas que se forman nas oficinas”.