A CIG clama nas rúas do país contra unha reforma que empobrece as pensións públicas
A CIG protagonizou hoxe a primeira resposta nas rúas contra a reforma das pensións que veñen de pactar o Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais e que suporá un empobrecemento xeneralizado das contías. O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da central sindical levou a cabo mobilizacións nas sete cidades en defensa do sistema público e para reclamar unhas prestacións dignas.
A CIG amosou deste xeito o seu rexeitamento tanto ás formas como ao fondo dun acordo que non reforza o sistema público e que mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo, así como a supresión na práctica da modalidade de xubilación parcial.
Trátase da primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que anticipa un novo retallamento de dereitos en base ás esixencias da UE para acceder aos fondos de reconstrución Next Generation. De feito, aínda que se elimina o denominado factor de sustentabilidade, antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo recorte nas pensións das xeracións do coñecido como baby boom.
A central sindical considera que a reforma acordada “é insuficiente e mesmo regresiva” porque seguirá en vigor na súa integridade a “brutal reforma” de 2011 que ten levado a unha caída importante nas contías das pensións (de arredor dun 25%), xa que supuxo unha ampliación progresiva da idade de xubilación até os 67 anos e do período de cálculo (que pasou dos 15 aos 25 anos) e suprimiu na práctica a xubilación parcial, tal e como se sinalou durante as protestas.
Iguais ao salario mínimo
Tamén se denunciou que con esta nova modificación non se garante o poder adquisitivo das prestacións, “xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional, e este debe de ser o 60% do salario medio, dacordo coa Carta Social Europea, revalorizable co IPC real”.
As concentracións de hoxe fan parte da intensa campaña de mobilizacións que está a desenvolver a central sindical a través do Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas en demanda dunhas pensións dignas e garantidas e para reclamar ademais a creación dun servizo público galego de atención ás persoas, o incremento dos orzamentos da atención á dependencia e un aumento de prazas públicas en residencias e centros de día.