A CIG clama contra a represión sindical en Carpintería Ramón García

A central concentrouse no SMAC da Coruña para exixir a readmisión inmediata do presidente do comité
A Coruña - 18 Xun 2025

Delegadas e delegados da CIG realizaron unha concentración este mércores diante do SMAC da Coruña en apoio ao presidente do comité de Carpintería Ramón García de Ordes e para reclamar a súa readmisión inmediata. A central nacionalista denuncia que se trata dun caso evidente de represión contra o traballador polo simple feito presentarse ás eleccións pola CIG, gañalas e desenvolver a acción sindical que lle corresponde como representante legal dos traballadores e traballadoras.

Como era de agardar a conciliación rematou sen avinza, xa que a empresa se negou a reincorporar ao compañeiro. Agora o proceso continuará na vía xudicial onde se demanda que se declare a nulidade do despedimento.

O secretario comarcal da Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña, Mario Maceiras, explicou que este traballador asumiu en 2023 a representación da central sindical nesta empresa e no ano 2025, despois de gañar as eleccións, foi elixido presidente do comité. “A partir dese momento, censurou, a empresa comeza cunha campaña de persecución e acoso contra del, até finalmente executar o seu despedimento”.

Maceiras chamou a atención sobre a carta de despedimento coa que a carpintería pretende xustificar a súa decisión “de 19 páxinas cheas de falsidades e nin unha soa proba dos comportamentos e feitos que lle atribúen”. Por iso considerou que con esta medida, a única intención da empresa “é liberarse do seu principal referente sindical”.

A este respecto, valorou o intenso labor que estaba desenvolvendo o compañeiro na defensa dos dereitos laborais, na activación funcional do comité de seguridade e saúde ou “exixindo en cada reunión unha serie de melloras para o persoal de oficina, obra e taller”. “Como non conseguiron dobregar a súa vontade por outras vías, a empresa optou por sacalo de diante mediante un despedimento, aínda sendo consciente de que probabelmente perderá o xuízo”, subliñou o secretario comarcal da FCM-CIG.

Criticou a postura da dirección de Ramón García que non só se “pecha en banda a sentar a falar e escoitar ningunha das nosas demandas, senón que incluso está nunha escalada de negarlle a lexitimidade ao propio comité no seu conxunto, utilizando o despedimento do presidente deste órgano como elemento para rexeitar calquera tipo de acordo cos delegados e delegadas”.