A CIG clama contra a represión sindical coincidindo co xuízo a un traballador da conserva por participar nos piquetes
Delegados/as sindicais da FGAMT-CIG no sector da conserva mobilizáronse hoxe diante dos Xulgados da Parda, en Pontevedra, coincidindo co proceso penal contra un traballador pola súa participación nos piquetes informativos da folga convocada a comezos do ano pasado para reclamar un convenio colectivo digno. O xuízo tivo que ser finalmente adiado, aínda sen data de celebración, como consecuencia da folga que manteñen os letrados xudiciais.
A concentración de apoio ao empregado e para rexeitar un novo caso de represión sindical desenvolveuse a partir as 10:00 horas ás portas do edificio xudicial, onde se despregou unha faixa na que se podía ler “Non á represión sindical”. A protesta disolveuse unha vez se confirmou que a sesión ficaba adiada pola folga dos letrados/as, sen que se saiba aínda a data na que finalmente se vai celebrar.
Dende a FGAMT-CIG do Salnés explicaron que os feitos polos que será xulgado o traballador remóntanse a febreiro de 2022, cando nunha das últimas xornadas da folga a empresa Conservas de Cambados de Ribadumia denunciou a este compañeiro -que tamén é delegado sindical e que facía parte da mesa negociadora do convenio- que participaba nos piquetes informativos formados polos distintos sindicatos convocantes.
Segundo sinalan, trátase dunha compañía que carece de representación sindical e cuxa dirección boicotea calquera pretensión por parte das traballadoras/as de celebrar e eleccións sindicais. “De feito, Conservas de Cambados é coñecida pola presión e represión que exerce sobre o seu persoal e durante os paros impediu e vulnerou o dereito de folga das persoas traballadoras”, denuncian. Por iso acusan a dirección de “actuar de mala fe” e de pretender “tirar rédito económico” desta denuncia contra a CIG.
Neste senso, lembran que os piquetes informativos da folga da conserva desenvolvéronse sempre no exterior das fábricas, transcorreron de maneira pacifica e sen ningún tipo de incidente e utilizáronse megafonía en coches, fixéronse asembleas e repartíronse panfletos informativos.
Neste contexto, Conservas de Cambados aproveitou un accidente laboral ocorrido no interior das propias instalacións da empresa para culpar directamente o delegado da CIG deste incidente, “privando os piquetes de informar ao persoal e boicoteando o dereito a informar dos motivos da folga para que as traballadoras/es desta fábrica puidesen exercer libremente os seus dereitos”.
En consecuencia, a CIG reclama a retirada das acusacións contra o traballador e censuran que a empresa siga adiante co proceso a pesar de carecer de probas que demostren a súa culpabilidade, reclamando unha indemnización económica , “xa que este é o seu único obxectivo: recadar fondos a conta da CIG”.