A CIG chama os gobernos a non facer ouvidos xordos ante o clamor popular en demanda de solucións para a fábrica de San Cibrao
Milleiros de persoas participaban este domingo na manifestación convocada polo comité de Alcoa San Cibrao contra os plans da multinacional de pechar a produción de aluminio e despedir a 800 traballadores e traballadoras; e para esixir do Goberno español e da Xunta de Galiza medidas inmediatas que eviten este golpe letal ao emprego e á economía da Mariña, e que afonda na grave crise industrial que atravesa Galiza de norte a sur.
A marcha partiu da rotonda da Cruz Vermella, discorreu pola Avda de Ferrol, seguiu pola Travesía da Mariña para rematar na Praza Maior, onde o comité de empresa agradeceu a solidariedade e a participación da cidadanía mariñá en todas as mobilizacións que se están a realizar para esixir futuro industrial para a fábrica de San Cibrao.
A este respecto, o secretario xeral da CIG, quen tamén participou na manifestación, aseverou que o Goberno español e a Xunta non poden facer ouvidos xordos ante este clamor popular, teñen que asumir as súas responsabilidades e actuar no inmediato para paralizar os plans de desmantelamento de Alcoa. Advertindo que canto máis tempo tarden os gobernos en actuar, máis se dificultará unha saída en positivo.
Así, salientou a necesidade de recuperar (a través dun real decreto) a autorización administrativa dos ERE tal e como existía antes da reforma laboral do PP, ou a urxencia de aprobar medidas que senten as bases dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva, imprescindíbel para facilitar a viabilidade da fábrica e do conxunto da industria electrointensiva do país.
Nesta liña, Carril criticou a actitude obstrucionista do goberno do PP na Xunta nestes anos, que se negou a asumir a ILP pola tarifa eléctrica galega que a CIG levou ao parlamento en 2015, avalada por máis de 18.000 sinaturas, tres deputacións e máis de 50 concellos.
Nesa iniciativa, unha das medidas recollidas era precisamente a creación dunha tarifa eléctrica propia que, atendendo á condición de Galiza como produtora e exportadora de enerxía, contemplaba unha rebaixaba do 30% nas peaxes do sistema eléctrico. Así como garantir que a enerxía galega se poña ao servizo do noso desenvolvemento económico e social e a creación de emprego.
"Daquela o PP rexeitou a proposta argumentando que non sería beneficioso para Galiza ter unha tarifa diferenciada. Pero de terse asumido a nosa ILP, hoxe estaríamos nunha posición máis vantaxosa para afrontar a ofensiva de Alcoa, defender os postos de traballo e a capacidade produtiva", afirmou.
A intervención pública, necesaria e posíbel
Ao tempo, o secretario xeral da CIG criticou que o Goberno español non está dando pasos para preparar a intervención pública da planta e que a Xunta do PP non só non puxo en marcha medidas na defensa da nosa industria, senón que agora, ante a ameaza de destrución de 800 empregos directos e a incerteza sobre o futuro da fábrica, "sae dicindo que a intervención pública non procede
Cando a intervención pública é posíbel se hai vontade política, porque legalmente é posíbel", como así consta nun informe elaborado hai un ano pola Universidade da Coruña a petición da CIG.
"Con esta actitude, o Goberno de Feixoo ponse do lado dos intereses de Alcoa, non do lado dos traballadores/as e da veciñanza da Mariña que, ante esta grave situación, están reclamando a nacionalización da fábrica como unha saída. A intervención pública preséntase hoxe como a resposta necesaria e obrigada ante o carácter estratéxico do aluminio e da enerxía e como mellor forma de garantir o emprego e a industria", sentenciou.