A CIG chama o pobo das Pontes a seguir mobilizándose para exixir garantías de reindustrialización e emprego
Transcorridos dous meses da folga convocada pola CIG e do clamor masivo do pobo das Pontes, seguen sen atenderse as reivindicacións para garantir unha transición xusta e futuro industrial para a localidade. Por iso, a CIG aposta por continuar na mobilización e ten convocada unha concentración para o próximo 23 de xaneiro, ás 20:00h, na Praza do Carme, para exixir solucións e proxectos concretos que, mais aló da propaganda, doten de futuro ás Pontes.
Malia a masiva resposta á xornada de folga, a día de hoxe a Xunta de Galiza (que ten as competencias en materia de industria) non convocou aínda a Mesa de Impulso Económico das Pontes, na que se teñen que ir concretando os proxectos futuros (garantías, prazos etc.). Non existen tampouco garantías de continuidade no emprego para o persoal da industria auxiliar e, de feito, hai persoal que nin se sequera foi incorporado aos traballos de pre-desmantelamento da central térmica, a pesar do manifestado por Endesa.
Para a CIG, a demanda de manter a vinculación laboral dos/as traballadores/as das auxiliares é un obxectivo irrenunciábel, polo que tanto Endesa como as administracións teñen a obriga de asegurar esta reivindicación até que se acade a súa inserción nos proxectos industriais futuros.
Nin plan de choque nin chan industrial
Nestes dous meses, tampouco se avanzou nada na elaboración dun plan de choque que a curto praza dea unha alternativa laboral e económica a todos os colectivos laborais afectados, como xa se fixo con anterioridade ao peche da mina. Este plan é unha prioridade e debe contar con financiamento da administración autonómica e estatal e con participación sindical na súa xestión.
De igual xeito, non se deron pasos para a creación de chan industrial no municipio para posibilitar o asentamento de novos proxectos. É Endesa a que está a facer negocio vendendo chan industrial mentres dende o propio Goberno local se nega a posibilidade de debater sobre o futuro das instalacións que agora ocupa a eléctrica.
A respecto da táboa reivindicativa da CIG na folga, a única nova refírese á encomenda feita polo Goberno estatal a Rede Eléctrica para o reforzamento da liñas eléctricas e a construción dunha nova subestación. Unha infraestrutura que, aínda tardará anos en materializarse, pero que resulta imprescindíbel para posibilitar o subministro eléctrico a varios dos proxectos industriais anunciados.
Unha circunstancia paradoxal, cando Galiza é un país exportador de electricidade -no ano 2023 máis do 50% da electricidade producida-, pero pola contra perdemos oportunidades industriais por falta de liñas de subministro ou polo prezo da electricidade.
Cómpre recuperar a capacidade de evacuación
Fica pendente un dos puntos chave para o futuro da localidade e que depende dunha decisión política: a recuperación dos 1400 MW de evacuación da central térmica no nó de transición xusta das Pontes e a consecuente poxa ligada a proxectos industriais. Esta capacidade de evacuación constitúe un valor engadido para acadar proxectos, sobre todo no eido enerxético no inmediato e, a diferenza da iniciativa puramente privada, un concurso público conleva obrigas de instalación.
No actual contexto, máis que nunca cómpre priorizar a posta en marcha dun plan industrial propio que garanta o futuro económico, a creación de emprego e o asentamento de empresas na localidade e, neste sentido, un compromiso das administracións de dotar o municipio de xeito urxente de chan industrial para posibilitar a posta en marcha de novos proxectos, e a coordinación nos procedementos administrativos para axilizar a súa implantación.
Ante este desleixo das administracións, que permite que sexa Endesa quen impoña a súa axenda e os seus intereses ao tempo que elude as súas obrigas, a CIG insta a seguir na mobilización e a utilizar todas as ferramentas precisas para que a transición xusta sexa unha realidade. Porque, até agora, nas Pontes o que hai é un proceso de reconversión clásico que converte a localidade na zona cero do declive industrial en Galiza.