A CIG chama neste 10 de Marzo a reforzar a mobilización porque as políticas favorábeis á clase obreira hainas que conquistar
A CIG conmemorou este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira, cunha xornada de mobilizacións nas sete cidades mais en Vilagarcía, Viveiro e A Estrada. Baixo o lema "As pensións non se tocan. Emprego, salarios e servizos públicos", a central nacionalista fixo un chamado a intensificar a mobilización ante a necesidade de continuar na resposta fronte a grave crise e a imparábel carestía da vida; e dende o firme convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego "hai que conquistalas, non son concesión bondadosa dos Gobernos nin nacen do diálogo social".
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na ofrenda floral e na manifestación realizada de Ferrol, apostou por conmemorar así as loitas do ano 1972, durante as que foron asasinados pola policía franquista os traballadores Amador e Daniel, "porque é unha urxente necesidade reclamar o dereito vivir e traballar dignamente na nosa terra".
Neste senso, criticou que as medidas aprobadas polo Goberno español e pola Xunta "non son suficientes, nin xustas" para afrontar a forte caída dos salarios e o avance do empobrecemento. Subliñou que vivimos unha crítica situación ante o avance brutal do belicismo, da OTAN e da guerra como sistema de explotación e dominación aos pobos e ás clases populares.
"A guerra sempre é unha traxedia, aseverou, só trae destrución e morte, porque son os pobos e as clases populares as únicas vítimas das bombas e do gasto criminal de millóns de euros públicos", asegurou. Carril instou ao cesamento das accións de guerra e á volta á diplomacia como única vía para a resolución deste conflito e rexeitou o incremento do gasto militar e o lamentábel papel que está a xogar a Unión Europea neste conflito, como monicreque dos intereses da OTAN e os EUA.
Intervención pública da economía e os mercados
Nesta realidade o capital está tirando proveito da inflación e da carestía da vida, obtendo millonarios beneficios a conta de especular cos prezos de bens básicos de consumo e de saquear as maiorías sociais. "Velaí os históricos beneficios da banca e das empresas enerxéticas", apuntou.
O secretario xeral criticou o impacto mínimo dos novos impostos contra estes enormes beneficios e no caso das hipotecas considerou "unha fraude" o código de boas prácticas acordado coa banca, cando aínda seguimos pagando con recortes o rescate millonario de 2008. Fronte isto, volveu reiterar a demanda que a CIG xa lanzou o pasado ano para conxelar os tipos de interese das hipotecas até o ano 2024.
Cuestionou tamén que, ante os prezos disparados da enerxía, non se lle recoñeza ao pobo galego a capacidade de decidir sobre o aproveitamento dos seus recursos eléctricos e ter unha tarifa galega, máis barata, "máxime cando estamos a padecer unha ofensiva eólica que reforza a concentración da produción de electricidade en mans das grandes eléctricas".
Por iso neste 10 de Marzo, a CIG insistiu en reclamar a intervención pública da economía e de sectores estratéxicos, como o enerxético e o bancario, para frear inflación e a carestía da vida; así como a intervención pública dos mercados, para poñer fin á especulación de bens básicos de consumo.
O PP segue nas súas políticas suicidas
A grave carestía da vida está acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza na Galiza, ao que hai que sumarlle importantes sectores produtivos e comarcas enteiras agonizando.
Nesta realidade o Goberno da Xunta, antes con Feixoo e agora con Rueda, "está metido de cheo nunha acción de desmantelamento masivo do país que nos cómpre confrontar porque fía todo o futuro a reforzar a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, aumentando o empobrecemento das clases populares ao negarse a un desenvolvemento galego propio".
As políticas do PP van na liña de facer de Galiza un grande camiño de Santiago, implementar a mercantilización dos servizos públicos, afondar na eucaliptización do noso monte, e na consolidación dun novo proceso de colonización enerxética coa actual ofensiva eólica que, "se no franquismo destruíu os ríos e, agora vai polas terras, montes, e mesmo o mar, pondo en perigo a sectores sociais que grazas ao seu traballo proporcionan alimentos básicos á poboación e que supón, tal como está planificado, un prexuízo económico e social irreversíbel".
Afirmou o secretario xeral que "levamos décadas padecendo e comprobando as mentiras sobre a creación de postos de traballo asociados a esta colonización enerxética, cando a realidade que temos é altos prezos de electricidade, pobreza enerxética, emigración por falta de emprego e comarcas enteiras do noso país camiño da desertización social e industrial e cunha poboación cada vez máis avellentada".
Novas ameazas ao sistema público de pensións
Neste contexto, Carril considerou que as medidas do chamado Plan de resposta económica á guerra e os orzamentos xerais, non dan solucións ás graves carencias e necesidades sociais e alertou que enfrontamos novas ameazas, como a reforma das pensións.
"Malia o envoltorio co que nos presentan este acordo é evidente que hai unha ampliación do período de cálculo. As dúas opcións das que se fala (25 anos ou 29 con posibilidade de descartar dous anos) perseguen o obxectivo das anteriores reformas: recortar as contías das pensións, cuxo alcance real comprobaremos cando dean a coñecer os pormenores do texto", advertiu.
"Aprobar unha nova reforma mantendo a de 2011 fai medrar a caída progresiva da contía das pensións que padecemos nos últimos anos por causa da ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e o aumento do período de cálculo do 15 aos 25 anos", avanzou. Unha caída das pensións xeneralizada que no caso das mulleres afondaría aínda máis a fenda de xénero, que na Galiza xa supera o 34%.
Lembrou que a pensión media en Galiza é de 930€ mensuais, 150€ por debaixo do SMI, cando no Estado español a media está en 1.089€. E no caso das mulleres a diferenza agrávase, chegando a ser uns 390€ inferiores. "Polo tanto, aprobar esta reforma seguirá obrigándonos a retrasar máis a idade de xubilación e contribuirá a que se creen menos postos de traballo, a que haxa máis paro xuvenil e máis emigración".
A CIG leva anos denunciando todas estas reformas e respondendo con mobilizacións e con folgas, como fixemos en xaneiro de 2011, porque a Seguridade Social é unha conquista histórica da clase traballadora e a defensa do sistema público de pensións, un dereito irrenunciábel que debemos manter a toda costa.
"Goberne quen goberne, as pensións deféndense!", ratificou Carril, para quen o grave desta reforma é que ten lugar nun contexto marcado pola carestía da vida, o empobrecemento xeneralizado dos salarios, o secuestro da negociación colectiva pola patronal e as apelacións a un Pacto de Rendas "que ten como obxectivo impor a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo das pensións e dos salarios, mentres o SMI e as pensións seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea".
Medra a precariedade e a pobreza laboral
Esta nova reforma das pensións, continuou, "súmase á última reforma laboral coa que nin recuperamos nin gañamos dereitos, como consecuencia de sacar adiante unha regulación laboral sen derrogar a de 2010 e 2012. Son as dúas caras da mesma moeda, toda reforma laboral vén acompañada dunha das pensións e viceversa".
Despois dun ano en vigor, o secretario xeral da CIG fixo un balanzo das consecuencias da reforma laboral: "comprobamos como baixo as novas formas contractuais medra a flexibilidade, a inestabilidade laboral e os baixos salarios e avanza imparábel a precariedade".
Así, aclarou que non aumentaron as horas traballadas e non se crearon máis empregos, aumentaron en máis dun 120% os contratos fixos discontinuos, aumentou de forma brutal, case un 800%, o número contratos indefinidos dados de baixa por non superar o período de proba; e o contrato a tempo parcial aumenta un 33% fronte aos de tempo completo que o fan un 13%.
Neste contexto, resaltou que o avance da dereita e da ultradereita "cómpre confrontalo e non alimentalo facendo as mesmas políticas económicas inxustas. No caso galego temos o exemplo, todas estas políticas madrileñas son máis munición que favorece as nefastas políticas do PP en Galiza".
A mobilización é unha necesidade
Por todas estas razóns, "témonos que mobilizar ante a patronal e ante os Gobernos diante da necesidade de dar resposta a unha realidade económica e social extrema que está a ter un impacto brutal no conxunto das maiorías sociais, por moito que a disfracen con propaganda e por moito que a encubran no diálogo social, con CCOO e UGT".
Criticou que ambas centrais sigan apostando todo a este diálogo social, ao punto de caer "tan baixo mendigando negociación a unha patronal que non lles acepta tampouco a renuncia histórica de non ligar a revisión salarial ao IPC e ligalo ao resultado das empresas".
E fixo un chamamento a estas dúas organizacións "para que abandonen ese camiño, que volvan á rúa, se sumen con nós porque, a como estamos a ver en Franza, a loita é o único camiño. Estamos chamados e chamadas ao conflito na negociación colectiva e a xerar dinámicas mobilizadoras para que non nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, a nosa capacidade de negociar e decidir nós de forma directa e democrática as nosas condicións de traballo, os nosos salarios".
Puxo como exemplos desta capacidade mobilizadora as loitas das traballadoras do SAF, das dependentas de INDITEX, do persoal da conserva, dos traballadores e traballadoras do metal ou a loita que está a levar adiante o cadro de persoal do almacén de LIDL en Narón ou a que proximamente fará persoal do transporte de viaxeiros/as.
"Na nosa man e na nosa capacidade de mobilización está confrontar esta situación, parar a reforma das pensións, avanzar na defensa dos servizos públicos, na recuperación económica, na industrialización e na creación de emprego digno na nosa terra", concluíu.