A CIG chama ao sector de Seguridade Privada a loitar pola dignificación das súas condicións laborais

Reclamou xunto a ELA, no inicio das negociacións, un convenio galego
Nacional - 02 Set 2022

Este venres arrincaron as negociacións -que se desenvolveran nas vindeiras xornadas os mércores e venres- do convenio colectivo de Seguridade Privada. Un convenio de carácter estatal no que CIG e ELA reclamaron marcos propios de negociación, tanto en Galiza como en Euskadi e Nafarroa.

Nesta primeira xornada constituíuse a mesa negociadora con, pola parte empresarial, APROSER (12 membros, cedendo 2 postos 1 para UAS e 1 para FES, respectivamente) e ASECOPS (3 membros) e pola parte social, UGT (6 membros), CCOO (4 membros), USO (3 membros), ELA (1 membro) e CIG (1 membro).

Convenio en Galiza

Na súa primeira intervención, o representante da CIG na mesa, Pedro Pérez, puxo de manifesto que “somos chamados á negociación deste convenio estatal, pero este non é o noso ámbito natural de negociación, e aínda que non recoñecemos o mesmo, témolo que asumir, como non pode ser doutra maneira, pero reivindicamos a negociación dun convenio de ámbito galego mai acaído as circunstancias e realidades de Galiza”. Un sentir que tamén trasladou á mesa a representación de ELA.

Aínda así a CIG vai presentar as súas propostas nas vindeiras reunións, co ánimo de construír unha nova realidade para o sector, que sirva para ser un sector atractivo para novas incorporacións e de futuro, baseado na recuperación económica, na mellora social e na dignificación profesional, sendo estes os piares fundamentais dun convenio digno e con dereitos.

Na xuntanza acordouse tamén que nas actas tan só aparezan as propostas, contrapropostas e acordos, omitíndose as manifestacións de parte. “Isto o que pretende e non trasladar ao sector os debates que se dan na mesa”, aclara Pérez quen matiza que “por parte da CIG seguiremos informando de todo, para que as e os traballadores teñan a máxima información posíbel”.

As reunións serán de forma telemática, un sistema que para o representante da CIG “favorece os intereses patronais e dos sindicatos estatais, xa que deste xeito os sindicatos minoritarios, non van poder fiscalizar esas reunións, que todos sabemos que se dan nun círculo pechado entre os sindicatos estatais e a patronal”. Movementos aos que, en todo caso, a central sindical estará atenta sabedora de que “estas partes están acostumadas a reunirse e negociar pola porta de atrás, para logo facer o paripé nas reunións da mesa de negociación”.

Loitar pola dignificación do sector

A CIG-Servizos fai un chamamento a todo o sector, para que as traballadoras e traballadores de Seguridade Privada sexan conscientes do momento no que estamos porque “de nada vale laiarse despois do que se vai a negociar agora. Agora toca loitar para acadar as melloras en materia económica, social e de xornada e dignificarnos como sector, que se demostrou esencial na pandemia do c COVID-19, quedando de manifesto a importancia que temos nunha sociedade que carece de recursos, tendo que ser asumidos pola seguridade privada sen ningún tipo de contraprestación”.

Neste sentido, Pedro Pérez advirte da brutal inflación que estamos a sufrir e que leva consigo a perda de poder adquisitivo, polo  que conclúe que “agora temos a obriga de negociar un convenio que non só recupere o perdido, senón tamén que avance no económico e no social, e dende a CIG imos facer todo o posible para acadar un Convenio Digno”.