A CIG chama a unha xornada de protesta o 10 de abril para esixir medidas de protección social xustas
A CIG convoca unha mobilización social para o venres, 10 de abril, para trasladar o malestar que existe entre a cidadanía ante a xestión errática, caótica e insuficiente na crise sanitaria, que tamén é social e económica, derivada da pandemia do COVID19. Con esta mobilización, quérese demandar medidas de protección social sen discriminación entre colectivos, garantías de que as familias teñen ingresos suficientes e que se cobran en tempo as prestacións, así como reforzar as medidas de prevención para garantir a saúde das traballadores e traballadores dos sectores que continúan a súa actividade.
A protesta consistirá nunha cazolada dende as fiestras ás 12 horas do venres 10 de abril "para que se escoiten as nosas demandas e se vexa que aínda que estamos confinados e confinadas non imos calar ante o ataque continuado aos nosos dereitos". O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que hoxe máis que nunca fan falta políticas públicas e concentrar todos os recursos en favor das maiorías sociais, "pero cun financiamento que non parta dos propios traballadores e traballadoras".
Para visibilizar esta reivindicación, CIG anima a todas as galegas e galegos a utilizar nas súas redes sociais, tanto nos días previos como na xornada de protesta, os cancelos #QueEscoiten, #QueNonConfinenOsTeusDereitos e #10deAbril e a que se suban imaxes, vídeos ou textos referentes a estas demandas sociais.
Dende o decreto de estado de alarma, o goberno está a actuar de maneira improvisada e errática, anunciando medidas que non se corresponden co que logo sae publicado no BOE, sacando propostas que quedan obsoletas unhas horas despois ou que son emendadas polo seguinte Real Decreto-lei. Medidas, en todo caso, que resultan insuficientes para garantir a protección da saúde, a paralización real de toda a actividade non esencial e ofrecer coberturas sociais para o conxunto da clase traballadora sen discriminacións.
Permiso retribuído por deber inescusábel, una solución máis xusta
Neste senso, Paulo Carril reitera que, de terse aplicado, como propuxo a CIG desde o primeiro día, un permiso retribuído por deber inescusábel e de terse creado un fondo público de compensación para as empresas, a solución sería máis xusta para a maioría social e evitaríase o actual caos. Pois atopámonos con persoas que están en ERTEs, outras con permisos non retribuídos por coidado, outras con permisos retribuído recuperábel, outras despedidas sen ningún dereito nin mellora recoñecida, outras na casa a conta de gastar as vacacións ou tendo que acudir ao seu posto sen medidas de seguridade.
Ademais, a nosa proposta permitiría que o tecido produtivo e o tecido social se atoparan nas mellores condicións para afrontar a saída da próxima crise económica que, sen dúbida, traerá a pandemia da COVID19. "Agora mesmo, a prioridade é a vida das persoas e pór todos os esforzos por afrontar a emerxencia sanitaria, pero ese obxectivo non pode ser unha escusa para hipotecar outra vez o noso futuro, cando aínda non saímos da crise iniciada en 2008 e cando sufrimos un empobrecemento xeneralizado e unha maior precariedade das condicións laborais".
Financiar as cativas medidas sociais non a conta da clase traballadora
Nesta liña, critica que o goberno faga un cambio irregular dos cartos das cotizacións da seguridade social para afrontar os custes da cativas medias sociais aprobadas, en vez de conseguir financiamento publico, vía impositiva ás grandes fortunas, ás grandes empresas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía hoxe en mans privadas.
De feito, dende o primeiro día, a CIG vén demandando que se obrigue a banca, as compañías de telecomunicacións, as grandes eléctricas ou as grandes empresas a exonerar as familias do pago das hipotecas, dos alugueiros e dos recibos. Esta sería unha alternativa xusta aos gastos que seguen tendo que afrontar as familias nesta situación de confinamento.
Por outro banda, Paulo Carril cuestiona tamén o incumprimento da exixencia inicial de que pare todo. Nese sentido considera que “non é de recibo que se estea poñendo en entredito e que o goberno se emende a si propio pola presión das grandes empresas, que está levando a que se manteña a actividade cando é máis que dubidoso que sexa servizos esenciais”.