A CIG chama a participar nas mobilizacións en reposta ao feminicidio de Baiona
A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para a tarde deste mércores, 13 de novembro, en repulsa ao feminicidio de Estela Blanch en Baiona. Apenas un mes despois do asasinato machista de Fadoua Akkar en Moaña, a central sindical chama a saír á rúa para visibilizar o rexeitamento aos valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia sexista.
Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra este asasinato. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.