A CIG chama a participar na mobilización convocada por Nunca Máis este venres día 29, en Ares
A CIG fai un chamamento a participar na mobilización convocada pola Plataforma Cidadá Nunca Máis, da que a central sindical fai parte desde as súas orixes, que terá lugar o vindeiro venres, día 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Praza do concello antigo de Ares (Praza da Constitución). Unha concentración para denunciar, máis unha vez, a incompetencia dos gobernos español e galego e a ausencia de medidas para prever ou enfrontar accidentes marítimos ou catástrofes medio ambientais como as que se teñen sucedido fronte as nosas costas, polas que circulan por volta de 13.000 buques con mercadorías perigosas ao ano.
O pasado venres, día 22 de novembro encallaba na costa de Ares o Blue Star, un cargueiro de transporte de produtos químicos ao que a día de hoxe aínda non se lle puideron extraer as máis de 100 toneladas de fuel e gasóleo que leva no seu interior.
Durante todos estes días puidemos asistir ao bochornoso espectáculo dos sucesivos fracasos dos intentos de remolcalo. Espectáculo que vén confirmar que, transcorridos 17 anos tras da catástrofe do Prestige, os poderes públicos aínda non adoptaron as medidas necesarias, que xa daquela se demandaban, en materia de seguranza marítima para previr a posibilidade de novos accidentes como os que adoitan acontecer nas nosas costas.
A CIG exixe, por iso, como xa fixo daquela, medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima (navais e aéreos) e aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan nas nosas costas.
Xunto a isto, a central sindical demanda un operativo público de salvamento marítimo e de loita contra a contaminación mariña e que se asegure o control público na toma de decisión de calquera das medidas que se adopten e que estas non estean condicionadas nin polos intereses privados da casa armadora, nin os da aseguradora, nin da empresa privada de salvamento que contrate a armadora.
A CIG exixe ademais información transparente e veraz de todo o que ten que ver co accidente, desde o estado no que se atope o casco, até o estado da carga. Mais tamén solicita información transparente das decisións que se adopten e, sobre todo, garantías de que a actividade produtiva marisqueira e pesqueira non se vai ver prexudicada coa adopción de medidas para a extracción e control do combustible do buque.
A CIG lembra que estas demandas veñen de lonxe, que non foron atendidas polos sucesivos gobernos do Estado, e que isto xustifica máis que nunca a transferencia das competencias en Seguranza e Salvamento Marítimo que desde hai anos vimos reivindicando, para atender ás necesidades reais das nosas costas.