A CIG chama a participar na manifestación nacional en defensa das pensións públicas do 28-X
A CIG, a través do seu secretario xeral, Suso Seixo, fai neste vídeo un chamamento a participar na manifestación convocada para este sábado día 28 de xaneiro en Compostela, con saída ás 12:00 horas da Alameda, en defensa do sistema público de pensións. A central sindical denuncia que o sistema financeiro, coa complicidade das organizacións políticas que o representan, ten deseñada unha campaña cuestionando a viabilidade do actual modelo de pensións para provocar que se subscriban plans de pensións privados, engordando así os seus beneficios a custo dos aforros das e dos traballadores.
Para Seixo, diante deste novo ataque aos dereitos da inmensa maioría social, cómpre saír á rúa a defender o sistema público de pensións, porque “si ten futuro e ademais, é máis garantista que o privado”. Advirte que cos debates arredor desta cuestión o que se pretende é introducir novos recortes que dificulten o acceso ás pensións futuras. Por iso fai un chamamento especial á mocidade, que será a máis prexudicada, para que loite por uns dereitos que hoxe están en cuestión.
A CIG exixe ademais un cambio profundo nas políticas económicas para que se favoreza a creación de emprego digno e de calidade, fronte á precarización e empobrecemento masivo da clase traballadora ao que nos están levando as reformas laborais e da negociación colectiva. Con máis emprego, mellores salarios, unha política fiscal diferente e medidas para combater realmente a fraude fiscal, Seixo asegura que “contaremos cos recursos suficientes para garantir o sistema público de pensións e ademais nunhas condicións dignas sen problema de ningún tipo”.