A CIG chama a participar na manifestación en solidariedade coa loita do persoal de IKF da Guarda
A CIG fai un chamamento á veciñanza da Guarda a participar na manifestación convocada este mércores día 15 en solidariedade coa loita que mantén o cadro de persoal da empresa IKF contra os intentos da dirección de precarizar as súas condicións laborais. A marcha a pé arrincará dende a sede da compañía nas Cachadas á 11:00 horas e rematará na praza Avelino Vicente (As de copas).
Os traballadores/as de IKF, dedicada á fabricación de materiais refractarios, levan xa 22 xornadas de folga contra as pretensións da compañía francesa de precarizar as condicións laborais mantendo a dobre escala salarial e impoñendo a liberalización horaria. A dirección négase a negociar mentres non se desconvoquen os paros a pesar dos intentos de mediación do AGA.
Por iso agora o de empresa (4 delegados/as da CIG e 1 de CCOO) vén de convocar unha manifestación coa que pretende amosarlle á dirección de IKF que as súas reivindicacións contan co apoio da veciñanza do Baixo Miño. Dende a CIG lembran que se trata dunha loita solidaria na que a práctica totalidade do cadro de persoal está implicado na defensa das condicións laborais do conxunto dos traballadores/as a pesar de que a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar no tempo non lles afecta a todos/as.
Pulso da empresa
O que si lle afecta ao conxunto do persoal é a liberalización horaria, a maior flexibilización da xornada e o cambio no goce das vacacións que pretende impor IKF no novo pacto laboral. En consecuencia, os paros -ao igual que a folga indefinida convocada en xullo e que suspenderon no período vacacional de agosto- están a ter un seguimento practicamente total. De feito, os martes, os mércores e os xoves só entran a traballar dúas persoas das 60 que integran o departamento de fabricación, unha delas o único representante de CCOO no comité.
Dende a CIG-Construción denuncian que a dirección négase a negociar a pesar dos intentos de mediación do AGA e esixe a desconvocatoria dos paros para sentarse. A parte social está disposta a suspender a folga mentres se producen as conversas, pero non a desconvocala. “A empresa está a botarnos un pulso, porque nos estamos a xogar os dereitos laborais conquistados durante 30 anos mediante a negociación colectiva; se gañan estenderán a precariedade, porque o que queren son salarios máis baixos e liberalizar xornada e horarios; queren ter á xente á súa disposición os sete días da semana”, advirten.