A CIG chama a participar na manifestación en solidariedade co pobo de Cuba, contra o bloqueo e o asedio imperialista

O domingo 19 de abril, ás 12:00 horas, dende a Alameda de Compostela
Nacional - 13 Abr 2026

A CIG apoia e chama a participar na manifestación unitaria convocada para o vindeiro domingo, 19 de abril, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Deixade vivir a Cuba. Galiza contra o asedio imperialista”. A mobilización sairá ás 12:00 horas da Alameda e convócase coincidindo coa celebración do 65º aniversario da vitoria de Praia Girón.

A Asociación de amizade galego-cubana Francisco Villamil, que promove a manifestación, lembrou este luns en rolda de prensa que Cuba está afrontando un asedio brutal por parte do goberno de Estados Unidos de Norteamérica, que desde xaneiro pasado converteu o seu bloqueo de 64 anos “nun peche total da entrada de petróleo e derivados. Á asfixia económica, enerxética e financeira súmanse as ameazas explícitas da Casa Branca de agresión militar contra Cuba”.

Con motivo do aniversario da vitoria de Praia Girón e no marco dunha intensa campaña internacional de apoio a Cuba que inclúe mobilizacións, denuncias e envío de axuda material, neste 19 de abril realizaranse en moitos países diversas accións e manifestacións de solidariedade coa Revolución Cubana.

Neste contexto, a CIG solidarízase máis unha vez co pobo cubano e amosa a súa contundente condena  á agresión imperialista do goberno estadounidense baseada no endurecemento do bloqueo de carácter económico, comercial e financeiro, cuxo único obxectivo é destruír o proceso revolucionario. Trátase do meirande ataque inxerencista até o momento contra Cuba en forma de guerra económica que procura o desgaste da poboación e a desestabilización da sociedade.

Esta nova ofensiva do imperialismo ianqui, procura a asfixia absoluta do pobo cubano mediante a incidencia directa nas condicións de vida da clase traballadora, atacando o dereito ao acceso da poboación á electricidade; mais tamén o normal funcionamento e mesmo a viabilidade do servizo de hospitais, da distribución de alimentos, do transporte e de calquera tipo de actividade produtiva.

Trátase, pois, dun ataque á aposta decidida pola soberanía popular, á xustiza social e á dignidade, acentuando o carácter inxerencista que vén desenvolvendo o actual goberno dos EUA, desta volta contra un proceso, o cubano, que situou na centralidade o garante á saúde pública universal, á educación, ás políticas de benestar social e unha política exterior caracterizada polo respecto a outros pobos do mundo.

So a perspectiva do dereito internacional, estes feitos caracterízanse como unha violación flagrante do lexítimo dereito de existir e da soberanía do pobo cubano. Ante estes feitos a CIG fai un chamamento á mobilización pola paz, contra o intervencionismo e as agresións imperialistas, e polo dereito dos pobos á súa soberanía; reclama a necesidade de acción por parte dos organismos internacionais e das institucións galega, do estado español e europea, a fin de determinaren accións contundentes que permitan pór fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro á República de Cuba.