A CIG chama a participar na manifestación en defensa da lingua o martes en Santiago

A plataforma Queremos Galego convoca a mobilización polo Día das Letras Galegas
Vigo - 15 Mai 2016
A CIG fai un chamamento a participar este martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, na manifestación en defensa da lingua convocada pola plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela. Coa mobilización, que se celebra baixo o lema "O idioma é a vida" e que partirá da Alameda ás 12.00 horas, preténdese reivindicar cambios na lexislación que eviten decretos ou sentenzas contra o idioma propio do país. A central amosa a súa satisfacción polo feito de que as Letras Galegas deste ano se lle dediquen a Manuel María, escritor lucense que ademais de salientar pola súa extensa e valiosa obra literaria fíxoo pola súa militancia sindical, política, cultural e de defensa da lingua.

O lema escollido para esta convocatoria é “O idioma é a vida”, recollendo un verso do coñecido poema “A fala” de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016. Dende a CIG amosan a súa satisfacción polo feito de que a edición deste ano se lle dedique ao escritor lucense, que ademais de salientar pola súa extensa e valiosa obra literaria fíxoo pola súa militancia sindical, política, cultural e de defensa da lingua.

O seu compromiso co nacionalismo galego chegou a converterse en materia literaria e deixou pegada en moitas das súas composicións, de igual xeito que a súa concepción dialéctica da sociedade. Por exemplo, no libro “Poemas pra construír unha patria”, de 1977, aborda a importancia de contar con sindicatos de clase para defendérmonos da explotación capitalista e colonial.

 

Poema/Democrático/G/Sindical

O SINDICATO é o noso único

lar posíbel,

fogar

que nos defende contra a

esplotación/capitalista

C--O--L--O--N--I--A--L;

arma que empregamos

pra loitar contra os

nosos nemigos;

vencello que

nos xungue como clase e

nos fai sentir povo

concencia=alerta=coleutiva.

Un home só non é ninguén.

Nada pode un home só.

                                    O

individualismo é sempre

pernicioso/insolidario,

E--G--O--I--S--T--A.

Por eso louvo ó SINDICATO

UNICO=GALEGO=DEMOCRATICO.

Fago un chamamento

apaixoado, con toda a forza

que tén a miña voz, pra que

o meu povo,

O NOSO POVO

COLONIZADO/NEGADO/ASOBALLADO

forme

SINDICATOS VERDADEIROS

que resposten únicamente

ás necesidás i aspiraciós

que tén prantexadas a clase

OBREIRA/LABREGA/MARIÑEIRA

semente e mais raigaña

do P--O--R--V--I--R

CEIBE/PROLETARIO DE GALICIA.