A CIG chama a participar na concentración contra a "expropiación encuberta" do monte en mancomún
A CIG chama a participar na concentración convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes e a plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, da que fai parte a central sindical, este mércores, día 24 de novembro, ás 11:30 horas, diante do Parlamento de Galiza, para rexeitar as modificacións da Lei de Montes Veciñais que pretende aprobar o PP e que posibilitarán o seu espolio.
O Partido Popular, aproveitando a Lei de Acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2022, que se debaterá este mesmo día, pretende introducir dúas modificacións na Lei de Montes Veciñais que supoñen unha importante agresión aos dereitos da veciñanza comuneira e a protección dos nosos montes veciñais.
De aprobarse estas modificacións, aqueles montes veciñais onde non exista veciñanza, ou sexan declarados en estado de grave abandono, pasarán a ser de titularidade dos concellos e a súa xestión e explotación a mans de empresas madeireiras. Isto suporía unha “expropiación encuberta” dos montes veciñais. A Consellería de Medio Rural arrógase así, non só o poder de decretar o estado de abandono por meros retrasos ou deficiencias en cuestións administrativas, senón tamén decidir sobre a propiedade dos montes galegos.
A OGCM denuncia que o monte comunal sería entregado por 50 anos e a veciñanza comuneira non poderá recuperara xestión do seu monte veciñal ate pasados ese tempo, o que fai inviable unha continuidade ou recuperación da xestión comunal do monte.
Por iso a ORGACCMM e a plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ fan un chamamento ás entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionan o medio rural para que rexeiten estas modificacións que teñen como obxectivo a eliminación dos montes veciñais en man común, que son un sinal de identidade do noso país.