A CIG chama a participar masivamente na mobilización contra Altri convocada para este domingo en Compostela
A CIG fai un chamamento a encher o Obradoiro o vindeiro domingo, día 15 de decembro, para manifestar o masivo rexeitamento á megapasteira de Altri que o Partido Popular quere instalar en Palas de Rei. A manifestación ten prevista a súa saída, ás 12:00 horas, da Alameda compostelá.
A central sindical denuncia o perigo que supón Altri para o tecido económico e social; para a poboación das comarcas polas que discorre o río Ulla; para os sectores do mar que viven da ría de Arousa, que están totalmente afectados por este proxecto que ameaza o seu futuro e para o conxunto de Galiza, porque o proxecto da macrocelulosa implica mudar o modelo de país e por tanto afecta a todas as galegas e galegos.
A CIG, xunto coas plataformas e colectivos, súmase, por iso, ao chamado a participar masivamente nesta grande mobilización nacional que ten que ser unha nova demostración da contestación social en contra do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei baixo o lema “A Xunta non poderá calar todo un país. Altri non!”.