A CIG chama a mobilizarse, este 10 de Marzo, para derrotar as reformas e recuperar os dereitos
Con mobilizacións en Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense, Vilagarcía, Pontevedra, Compostela e Cee conmemorará a CIG o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. Unha data reivindicativa na que a central sindical dá continuidade á campaña posta en marcha xa no mes de decembro e que se desenvolverá baixo o lema “2017, un ano de loita. Recuperemos os nosos dereitos”.
Mobilizacións do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega
A Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca mobilizacións en todas as comarcas este 10 de marzo para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega.
-Vigo: manifestación dende o cruce da Dobrada ás 20.00 horas.
-Ferrol: ofrenda floral no monumento 10 de Marzo ás 12.00 horas e manifestación dende o local da CIG (Avenida de Esteiro) ás 20.00 horas.
-Lugo: manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla) ás 20.00 horas.
-Ourense: manifestación dende a Subdelegación do Goberno ás 19.30 horas até a Praza Maior.
-Vilagarcía: concentración na Praza de Galiza ás 20.00 horas.
-Pontevedra: concentración na Praza da Peregrina ás 20.00 horas.
-Santiago: manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.
-A Coruña: manifestación dende a fábrica de Brens (Cee) ás 19.30 horas até a Praza do Concello.
Nestes últimos anos, os efectos das reformas laborais dos diferentes gobernos do PSOE, e máis destacadamente do PP, afectaron enormemente ás nosas condicións de vida e de traballo. A pobreza hoxe está relacionada co traballo en precariedade.
Principalmente, a reforma laboral do ano 2012 do PP está causando estragos nos dereitos laborais conquistados en tantos anos de loita. A precariedade hoxe significa as facilidades no despedimento, a contratación temporal, parcial, as ETT... Todo isto permite que as empresas obriguen a traballar máis horas sen pagar e baixen ilegalmente os salarios dos convenios. En definitiva para nós, traballarmos máis e cobrarmos menos. Esta era o obxectivo da reforma laboral do PP.
Hoxe sabemos que o Estado español é o único caso no que a suma dos salarios da clase traballadora descendeu nestes 6 últimos anos preto dun 11%. Contrariamente, no resto da UE os salarios subiron por encima do 9% nos casos de Alemaña e Francia e do 4,45% en Portugal. Os salarios que perdemos, que “nos roubaron” en tan pouco tempo, pasaron a mans dos ricos (o capital), que incrementaron a súa riqueza neste mesmo período en máis do 18%.
A explotación da clase traballadora é máis brutal na actualidade con estas leis, con estas reformas, e xa non lles abonda con roubarnos os dereitos no traballo, senón que tamén queren roubarnos as nosas pensións.
Hoxe o PP non ten maioría no Parlamento; por tanto, a continuidade destas leis que atacan os nosos dereitos dependen daqueles que permiten que gobernen. O resultado final dependerá da resposta social da clase traballadora, da mobilización na rúa. Sempre na historia, gañamos os nosos dereitos coa loita.
Así foi tamén en marzo do 72, en que a clase obreira galega nunha situación represiva con centos de persoas detidas e dous traballadores mortos, Amador e Daniel, se enfrontou para gañar un futuro digno, que hoxe volve estar seriamente ameazado.