A CIG chama a mobilizarse contra o acordo “ilegal e inmoral” da UE con Turquía e a prol dos dereitos das persoas refuxiadas

Convocadas concentracións, este mércores, día 16 de marzo, en cidades e vilas galegas
Compostela - 15 Mar 2016

Organizacións sociais, políticas e sindicais convocan para este mércores, día 16 de marzo, ás 20:00 horas, concentracións en cidades e vilas galegas contra a decisión da Unión Europea de enviar as persoas refuxiadas a Turquía. Mobilizacións que están convocadas en toda Europa e ás que a CIG chama a participar para dar resposta a estas políticas hostiles coas miles de persoas refuxiadas que pretenden confinar en Turquía. Haberá protestas na Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra.

CONCENTRACIÓNS:

— A Coruña: ás 20:00 h diante do Obelisco

— Vigo: ás 20:00 h diante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO)

— Compostela: 20:00 h na praza do Toural

— Ferrol: ás 20:00 h diante do edificio da Xunta (praza de España)

— Burela: ás 20:00 h diante do Concello

— Lugo: ás 20:00 h diante da Subdelegación do Goberno

— Ourense: ás 19:30 h diante da Subdelegación do Goberno

— Vilagarcía de Arousa: ás 20:00 h na praza de Galicia

— Pontevedra: ás 20:00 h manifestación desde a praza da Peregrina ata a Subdelegación do Goberno

Reproducimos a seguir o manifesto asinado pola CIG e outras organizacións:

UN ACORDO ILEGAL E INMORAL QUE ATENTA CONTRA OS DEREITOS HUMANOS

As organizacións asinantes consideran inmoral o Acordo da UE-Turquía. É vergoñoso, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Ante esta situación, instan o Goberno español a non apoiar o devandito acordo e convocan a cidadanía a concentracións cidadás o próximo 16 de marzo.

As organizacións asinantes deste comunicado denunciamos que a Unión Europea trata as persoas refuxiadas como moeda de cambio co Goberno de Turquía ao tempo que pon de manifesto a deterioración do proxecto europeo cun acordo que traslada a crise das persoas refuxiadas fóra das súas fronteiras.

O acordo previo adoptado o 7 de marzo polo Consello de Europa con Turquía evidencia a absoluta insensibilidade da UE e os Estados membros ante a crise humanitaria das persoas refuxiadas que arriscan a súa vida fuxindo da guerra.

A Unión Europea, ademais de incumprir a legalidade internacional, elude a súa responsabilidade de dar resposta aos milleiros de refuxiados e refuxiadas que se amorean nas súas fronteiras, mediante un acordo con Turquía para deportar a ese país a todos os inmigrantes, económicos e tamén demandantes de asilo, que cheguen á UE a través deste país, a cambio de que os Estados membros recoloquen o mesmo número de refuxiados asentados en territorio turco.

A Unión Europea urdiu un plan que vulnera a especial protección que o dereito internacional lles recoñece ás persoas que demandan asilo mediante a asimilación de inmigrantes económicos e refuxiados, todos eles considerados «ilegais». Expulsarase a Turquía as persoas refuxiadas que chegaron a Europa por esta vía.

A Unión Europea comprou as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros, polos custos de xestión, e 3.000 millóns adicionais en 2018, sen ningún mecanismo de control do destino do orzamento. Este acordo ampliase ademais coa eliminación do requisito de visado para as cidadás e cidadáns turcos en Europa a partir de xuño de 2016 e a axilización da entrada de Turquía na UE. Obviouse, curiosamente, que o Goberno de Erdogan viola de forma reiterada dereitos fundamentais como a liberdade sindical, o dereito laboral, a liberdade de prensa e expresión —como o recente caso do diario Zanan, próximo á oposición ao Goberno turco—, ou o exterminio do pobo kurdo.

Os refuxiados e as refuxiadas son seres humanos que foxen da guerra e buscan a protección internacional, facer deles unha mercadoría para o intercambio económico é inhumano e non dará lugar a unha resposta máis humanitaria: pagar a Turquía non eliminará o perigo ao que sirios, iraquís e outros pobos están expostos nos seus propios países.

O sistema un-por-un (intercambio de refuxiados sirios) non ten sentido e é unha violación do dereito internacional e dos tratados da UE.

A UE non debería nin sequera considerar pagarlle a Turquía para manter as persoas refuxiadas en campamentos inhumanos sen ningunha perspectiva, e non debería haber ningún intercambio entre o seu mantemento fóra de Europa e a aceleración das negociacións de adhesión á UE.

As organizacións asinantes deste manifesto, levamos moito tempo defendendo que a comunidade internacional debería investir tempo e recursos en restablecer a paz en Oriente Medio, asumindo a súa responsabilidade nesta crise humanitaria que ven derivada en moitos casos das intervencións militares imperialistas levadas a cabo pola UE e EEUU, en función dos seus intereses xeoestratéxicos, en moitos dos países dos que proceden estas persoas. 

As organizacións asinantes deste manifesto consideramos pois unha inmoralidade e unha grande hipocrisía o que está a facer a UE coas persoas refuxiadas e inmigrantes en xeral e manifestamos o noso máis absoluto rexeitamento á política da UE e dos seus Estados membros ante a maior crise humanitaria desde a segunda guerra mundial. Europa ten capacidade de resposta e de solución da mesma o que non ten é vontade política para facelo. 

Por todo isto, en consecuencia, esiximos do Goberno español o total rexeitamento do principio de acordo con Turquía, no próximo Consello Europeo do 17 de marzo.

Por último, ante a gravidade dos feitos que estamos a denunciar, animamos a todas as organizacións sociais e políticas, e a todo o pobo no seu conxunto, a que promovan e participen nas mobilizacións que se convocan en todo o Estado español para a tarde deste 16 de marzo, para denunciar a actitude de Gobernos e institucións europeas e para esixir medidas urxentes ante a maior crise humanitaria á que se enfronta Europa.

ORGANIZACIÓNS:

CCOO-Galicia; CIG; UGT-Galicia; Anova; BNG; En Marea; EU; PSdG; Podemos; Asemblea de Cooperación Pola Paz Galicia; Coordinadora Galega de ONGD; Foro Galego de Inmigración; Seminario Galego de Educación para a Paz.