A CIG chama a mobilizarse este xoves contra as agresións de Marrocos ao pobo saharauí
A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas pola SOGAPS e a Delegación Saharauí para Galiza o vindeiro xoves, día 26 de novembro, ás 19:30 horas, nas sete cidades galegas. Manifesta o seu apoio ás demandas destas organizacións e canda elas reclama a inmediata actuación da ONU, a UE e o Estado español.
Diante da persistencia das agresións do reino de Marrocos contra a soberanía do Sáhara Occidental, a súa intervención ilegal en Guerquerat e, en consecuencia, a ruptura do alto ao fogo asinado entre as dúas partes no ano 1991, e dada a pasividade para resolver o conflito por parte da ONU e o silencio habitual de España, desde Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) e a Delegación Saharauí para Galiza vense na obriga de seguir coas mobilizacións e facendo un chamamento á solidariedade co pobo saharauí e o seu lexítimo representante, a Fronte Polisario.
Un pobo que leva agardando pacificamente durante anos o cumprimento dos acordos, o paso da MINURSO polo seu territorio, que, no canto d elevar a cabo a súa misión, actuou como cómplice do estado agresor e ocupante. Padecendo constantes violacións dos dereitos humanos, represión, detencións de presos políticos, torturados nos cárceres marroquís. Vendo como os seus recursos son esquilmados por Marrocos e as compañías de occidente, a pesar de que tribunais da propia UE teñen ditado sentenza en contra destas prácticas.
Ambas as organizacións entenden que vai sendo hora de que se poña a solución definitiva a esta situación e, iso pasa necesariamente por convocar xa o acordado Referendo de Autodeterminación, que poida rematar coa definitiva independencia da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). A ONU, a Unión Europea e, por suposto, o Estado español, deben actuar de inmediato, antes de que siga a medrar o conflito armado.
Por todo isto, fan un chamamento a todas as institucións, sindicatos, partidos políticos, organizacións sociais e á cidadanía galega en xeral a participar nas concentracións de apoio que se celebrarán o vindeiro xoves, día 26, ás 19:30, nas 7 grandes cidades de Galiza.