A CIG chama a mobilizarse contra a regresiva reforma das pensións o 29 de marzo

Nacional - 24 Mar 2023

A CIG ten convocadas para o vindeiro mércores, día 29 de marzo, concentracións nas 7 cidades contra a reforma das pensións que se validará o xoves, día 30 de marzo no Congreso das Deputadas e Deputados, baixo o lema “As Pensións Non Se Tocan!”. A central sindical denuncia que con esta reforma se camiña cara un sistema de pensións públicas de beneficencia, promovendo a súa privatización e reducindo as súas contías, o que afectará á clase traballadora en xeral e as mulleres e mozas e mozos en particular.

MOBILIZACIÓNS

  • Santiago: 19:30h, Praza de Galiza
  • A Coruña: 19:30h, Delegación do Goberno
  • Ferrol: 20:00h, diante do INSS
  • Lugo: 20:00h, Subdelegación do Goberno
  • Ourense: 20:00h, Subdelegación do Goberno
  • Vigo: 19:00h, Farol de Urzáiz
  • Pontevedra: 20:00h, Subdelegación do Goberno

Consolídanse os recortes

A CIG vén advertindo dos recortes que se introducirían nas pensións, coa reforma exixida desde Bruxelas, desde que se soubo que esta era unha das exixencias para o Estado español acceder aos fondos Next Generation. Un requirimento que non tiña como obxectivo mellorar o sistema público de pensións, senón satisfacer as demandas da banca e continuar na senda neoliberal de adelgazamento do Estado e privatización de todo o susceptíbel de se converter en negocio.

Malia a sistemática campaña de propaganda articulada desde o Estado para nos convencer das presuntas bondades desta reforma, a CIG xa denunciou en rolda de prensa, logo de se coñecer o contido do Real Decreto, non só a gravidade de que se consoliden as reformas de 2011 e 2013, senón tamén os novos recortes que se introducen e as consecuencias que terá para as pensións futuras, nomeadamente para as mulleres e para a mocidade.

A CIG afirma que esta reforma ten como obxectivos fundamentais reducir cada vez máis as contías das pensións, coa ampliación do número de anos que se toman como referencia para o cálculo, ao pasar de 25 a 29, aínda que se poidan excluír os 24 meses peores; favorecer a privatización do sistema público, fomentando os plans de pensións privados, aos que accederá quen teña capacidade adquisitiva abondo, e reducir o sistema público a un simple servizo de beneficencia.

A central sindical nacionalista chama a atención sobre o papel que se lle outorga a AIREF, un organismo antidemocrático creado por exixencias da UE co rescate da banca, que poderá revisar, cada 3 anos, o equilibrio entre ingresos e gastos e adoptar novos recortes de se reducir os ingresos, sen que medie parlamento algún.

Para a CIG é gravísimo o papel xogado por CCOO e UGT, que no canto de defender os dereitos da clase obreira, van da man da clase política pregándose ás exixencias do neoliberalismo contra os intereses dos e das traballadoras.

Por iso chama a mobilizarse en defensa do sistema público o vindeiro 29, da xustiza social e dos dereitos da clase traballadora a emprego, salarios e pensións dignas.