A CIG chama á mobilización masiva do 14 de decembro para 'poñer fin' á ameaza da macrocelulosa de Altri
A Plataforma Ulloa Viva (PUV), a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Plataforma veciñal contra a Mina de Touro-O Pino fixeron hoxe un chamamento a participar masivamente na manifestación convocada para o vindeiro domingo, 14 de decembro, en Santiago de Compostela en rexeitamento á macrocelulosa de Altri. Baixo o lema “Desde o río até o mar, polas que somos e polas que virán”, a mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda e rematará na Praza do Obradoiro.
Na comparecencia para os medios, na que tamén participou a CIG, animouse a repetir o éxito da manifestación de hai un ano, cando 100.000 persoas encheron Compostela ao berro de “Altri NON”. E fixeron este chamado a toda a sociedade galega porque cómpre “seguir deslexitimando socialmente o proxecto de Altri, e demandar que dunha vez por todas que a Xunta dea carpetazo definitivo á macrocelulosa”.
Contra do clamor social unánime, e a pesar do anuncio do Goberno español de non incluír na Planificación Eléctrica 2025-2030 a liña eléctrica e a subestación necesarias para o Proxecto Gama e da negativa reiterada a que este proxecto poida recibir financiamento europeo, o Goberno do PP na Xunta teima no seu apoio institucional e na defensa pública dunha macrocelusosa que, a día de hoxe, constitúe o maior perigo ambiental para o noso país e suporía a morte da Ría de Arousa.
Hai que lembrar que o proxecto conta cunha DIA favorábel e malia o tempo transcorrido, Augas de Galiza non pechou aínda o expediente de solicitude de captación de auga no encoro de Portodemouros.
Por un desenvolvemento industrial ao servizo do país
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, enmarcou este proxecto na “brutal ofensiva” que, ao igual que no franquismo destruíu ríos, terras e montes, pon en perigo sectores económicos e produtivos que co seu traballo xeran riqueza para o país e denunciou que “a Xunta pretende deixar recursos estratéxicos en mans de fondos de investimento e do capital”.
Rexeitou o modelo de industria de enclave e depredación que representa Altri e reivindicou un aproveitamento “radicalmente distinto dos recursos naturais de Galiza, para que revertan no noso propio país, que non poñan en risco aqueles sectores que proporcionan alimentos básicos a poboación, que apostan por un desenvolvemento industrial con base en criterios de estabilidade, sustentabilidade, de peche dos ciclos produtivos e que derive en beneficio do país todo o seu valor engadido”.
Neste senso, Carril alertou das consecuencias que, de aprobarse, terá a lei de administración ambiental simplificada, que definiu “como un atentado á protección ambiental” co que o PP quere pechar un marco normativo deseñado para favorecer a depredación dos nosos recursos e privatizar as funcións públicas. A CIG solicitou a retirada do anteproxecto e que a Xunta de Galiza inicie un novo proceso contando coa participación de todos os sectores económicos e sociais afectados.
Porque con este anteproxecto, ademais, o Goberno galego arremete contra a sentenza 00094/2025 do TSXG, a raíz do recurso presentado pola CIG, que deixou sen efecto e anulou parcialmente o Decreto 102/2023, ao entender que privatizaba os procedementos de avaliación ambiental, e externalizaba a súa tramitación para pola en mans da empresa privada.
Con esta lei, advertiu o secretario xeral, o PP pretende pechar un marco normativo deseñado “para consolidar o papel de Galiza como colonia subministradora de recursos naturais, enerxéticos e minerais do Estado e da UE, poñéndoa ao servizo das grandes elites e corporacións económicas, expulsando ao pobo galego de calquera decisión sobre o aproveitamento libre, soberano e socialmente xusto dos nosos recursos”.
Contenciosos administrativos contra a Xunta
Na fronte para impedir que o proxecto de Altri se materialice, sinalar que a CIG ten dous contenciosos administrativos presentados contra a Xunta pola tramitación do proxecto de Altri: un ao adherírmonos ao recurso presentado por ADEGA contra a denegación do recurso de alzada que pedía o arquivo do expediente de solicitude de concesión de augas para Altri por ter transcorrido o prazo máximo legal sen que a Xunta o resolvera.
E un segundo formalizado ante a disolución de Impulsa Galicia, sociedade pública promotora do proxecto, “nun intento de eliminar probas do atentado e das ilegalidades que o Goberno galego está a cometer con todo o que rodea a Altri”.