A CIG, emigrantes retornados e mariñeiros Long Hope chaman á manifestación nacional “Por unhas pensións públicas dignas e garantidas”
Os orzamentos do 2018 recolleron unha suba que apenas supuxo 20 euros de media ao mes, imposibilitando a recuperación do poder adquisitivo perdido polos/as pensionistas. En Galiza, onde os salarios son máis baixos, tamén o son, xa que logo, as pensións. Os debates na Comisión do Pacto de Toledo, as recomendacións do FMI, da OCDE, os recentes anuncios do goberno sobre a prolongación da idade da xubilación, ou o recente decreto de contratos relevo e xubilación parcial confirman a pretensión de introducir novos recortes.
Por iso a CIG fixo hoxe, en rolda de prensa, un chamamento a participar na manifestación nacional convocada para o sábado día 26 de xaneiro en Compostela, en defensa do sistema público de pensións, xunto co colectivo de xubilados/as e pensionistas da central sindical, o colectivo de emigrantes retornados/as e o colectivo de mariñeiros de Long Hope.
Así o alertou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen insistiu en que a loita en defensa das pensións “as do presente e as do futuro, é unha loita de todos e todas”, denunciou que durante os últimos anos “vivimos baixo a ameaza constante que as sucesivas reformas do PP e PSOE supoñen ao sistema público de pensións” e lembrou que miles de persoas “vímonos mobilizando para exixir unhas pensións públicas, dignas e que estean garantidas”.
Reformas regresivas
Explicou que en 2011, o PSOE, co apoio de UGT e CCOO, aumentou a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos, incrementou de 15 a 25 anos os anos para o calculo das pensións e introduciu o chamado factor de sustentabilidade, co obxectivo de deteriorar as contías das pensións e que en 2013 o PP, coa súa reforma, eliminou o IPC para o incremento das pensións, impondo o 0,25 e adiantou a aplicación do factor se sustentabilidade.
Denunciou a suba de apenas 20€ das pensións nos orzamentos de 2018. Un incremento que, denunciou, “non permite recuperar o poder adquisitivo” e que considerou que tiña como obxectivo “desmobilizar e dar por satisfeitas as reivindicacións de pensións dignas”.
Fronte a isto alertou de que, polas informacións que están saíndo da Comisión do Pacto de Toledo; as recomendacións do FMI e da OCDE; os recentes anuncios do goberno sobre a prolongación da idade da xubilación ou o recente decreto de contratos relevo e xubilación parcial, que significa un novo retroceso a clase traballadora, “confírmase que están en carteira, na axenda, novos recortes ás pensións públicas, novos intentos de facer do sistema público de pensións un sistema de beneficencia, de caridade, apostando polos planos privados de pensións”. A este respecto denunciou que, de feito, no ano 2000 había 3,5 millóns de pensións privadas pero que en 2017 eran xa 8 millóns.
Maior empobrecemento das pensións futuras
O secretario xeral da CIG asegurou que a lexislación que se pretende levar adiante, do mesmo xeito que a aprobada nos últimos anos, “vai no camiño do empobrecemento das pensións se non o impedimos” e considerou que “é a través da mobilización como seremos capaces de combater o desmantelamento do sistema públicos de pensións e o seu empobrecemento”.
Para demostralo fixo un rápido percorrido polos datos máis salientábeis e apuntou que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado español; que máis da metade das pensións galegas son inferiores a 677,70€; que 1 de cada 10 pensionistas na Galiza cobra menos de 415,43€/mes; que o 65% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e que as mulleres, son as máis prexudicadas, xa que 1 de cada 4 maiores de 65 anos están baixo a liña da pobreza.
Carril afirmou que “non falta diñeiro” e denunciou que o que xera menos diñeiro público son os baixos salarios, a precariedade, os contratos temporais e a tempo parcial, as tarifas planas na cotización a seguridade social ou as desgravacións fiscais aos planos privados de pensións, entre outras. “A pobreza dos salarios, non crea emprego nin fai a economía máis competitiva, máis ben ao contrario, crea emigración e pobreza. Na Galiza, sempre cos salarios máis baixos e por conseguinte coas pensións máis baixas, nunca tivemos nin máis emprego, nin menor precariedade”.
Propostas da CIG
O secretario xeral fixo ademais un rápido percorrido polas propostas da central sindical para reforzar o sistema público de pensións e fortalecer o seu carácter solidario e de xustiza social: supresión do factor de sustentabilidade; fixación por lei da pensións mínima igual ao SMI dun 60% do salario medio, como fixa a Carta Social Europea; xubilación ordinaria aos 65 anos e voluntaria a partir dos 35 anos cotizados, reais ou por aplicación de coeficientes redutores en determinadas profesións; cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización, actualizadas e dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria; supresión das bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social; eliminación dos topes máximos de cotización á Seguridade Social e traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.
Saqueo das pensións
Na rolda de prensa Lidia Fariña, representante do colectivo de Xubiladas/os e Pensionistas da CIG fixo especial fincapé na situación das mulleres, nas peores pensións que cobran e na situación de pobreza das que perciben unha pensión de viuvez. Xunto a ela, Xosé González, subliñou que “a loita que desenvolvemos non é xa para nós, senón para garantir as pensións futuras” e lamentou as maiores dificultades para recuperar dereitos cando estes se perden.
Pola súa banda os representantes do colectivo de emigrantes retornados Esther Crespo e Xosé Lois Leirós fixeron un chamamento a participar na manifestación en nome das plataformas comarcais; denunciaron a débeda do Estado con eles/as e dixeron “non á discriminación e á retroactividade”. Ademais exixiron igualdade fiscal e social para todas e todos os pensionistas.
Ademais, Alberto Paz, en representación do colectivo de mariñeiros de Long Hope, insistiu en que para solucionar a súa situación é necesaria unha decisión política e non xudicial porque cando “en 1957 o goberno de Noruega viu buscar man de obra especializada para a mariña mercante falou co goberno español, non co Xulgado de Instrución”.
Lembrou ademais que están pendentes do xuízo que se celebrará en Noruega os días 12 e 13 de febreiro e exixiu a intervención do Estado español porque “somos 12.000 persoas afectadas que fomos estafadas por Noruega e abandonadas polo Estado español”.