A CIG chama a intensificar a mobilización social para frear a impunidade empresarial que nos deixa sen futuro
Centos de persoas acudiron esta sábado á Praza do Concello de Viveiro para rexeitar a decisión de Vestas de pechar a fábrica de Chavín e esixir as administracións que poñan en marcha as medidas necesarias para evitar este novo golpe á comarca da Mariña. Esta é a primeira mobilización que o persoal de Vestas convoca fóra da factoría tras o anuncio da multinacional, mais a resposta da comarca foi contundente: Vestas non pecha.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na protesta, insistiu na necesidade de que A Mariña reaxa, intensificando a mobilización social "para frear esta impunidade empresarial que deixa sen futuro industrial non só a esta comarca, senón a todo o noso país". Carril apelou á responsabilidade dos gobernos galegos e español para que actúen de inmediato, tomando medidas para impedir que Vestas execute o feche da planta e o despedimento colectivo.
"Non se pode consentir que no marco do proceso de descarbonización da economía e en plena ofensiva de colonización enerxética, no que a Mariña é un obxectivo destacado, se destrúa o tecido produtivo e os empregos na actividade relacionada con este sector. Non podemos permitir que se repita en Viveiro o que pasou recentemente nas Somozas", aseverou Carril. Por iso, urxiu os gobernos a pór xa solucións concretas enriba da mesa, mais tamén "a ter a valentía política que non tiveron até agora e intervir a fábrica de aluminio de San Cibrao para rematar dunha vez coa ameaza permanente á que Alcoa ten sometida a comarca".
Neste senso, denunciou que a falta de política industrial da Xunta de Galiza, combinada coa negativa do Executivo español a derrogar a reforma laboral, xera as condicións idóneas para que multinacionais como Vestas ou Alcoa apliquen despedimentos masivos de maneira unilateral e deslocalicen a produción na busca dun beneficio a curto prazo, aínda despois de ter recibido axudas públicas millonarias e todo tipo de facilidades para desenvolver as súa actividade.
"A profunda crise industrial que vivimos, con especial incidencia na zona norte de Galiza, precisa de actuacións de urxencia, mais tamén de propostas a longo prazo e de carácter estratéxico que garantan o asentamento e a consolidación dun tecido produtivo forte, capaz de xerar emprego estábel e en condicións dignas. Pero para conseguirmos isto, temos que intensificar a mobilización e a loita social, porque só así seremos quen de forzar os cambios necesarios nas políticas", concluíu Carril.