A CIG chama a intensificar a mobilización para frear a nova reforma das pensións
Delegadas e delegados da CIG, xunto co colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da central nacionalista, mobilizáronse este mércores nas sete cidades, Vilagarcía, Ribeira e Lalín en rexeitamento á reforma das pensións que proxecta o Goberno español. As concentracións insírense na campaña lanzada no mes de decembro pola CIG ante unha modificación do sistema público que ameaza con ampliar até os 30 anos o período para o cálculo das contías.
A CIG xa avanza que adoptará todas as medidas necesarias e intensificará a mobilización a todos os niveis para evitar que esta ameaza sexa unha realidade. E de xeito parello á campaña de mobilizacións, iniciouse tamén a recollida de manifestos de comités de empresa e representantes do persoal contra calquera reforma no sistema público de pensións que impoña aumentar os anos para o cálculo das contías.
A pensión media galega, nos 980€
Nas protestas deste mércores, e nas asembleas celebradas previamente para abordar tamén a situación da negociación colectiva e a resposta fronte a carestía da vida e o empobrecemento da clase obreira, advertiuse que a nova reforma das pensións, de aprobarse nos termos anunciados, suporía unha caída das contías futuras de entre o 6% e o 8%, como o propio Banco de España recoñece.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou na concentración realizada no INSS de Ferrol, que a pensión media en Galiza é de 930€ mensuais, 70€ por debaixo do SMI, mentres que a pensión media no Estado español está nos 1.089€. Por iso, avanzou que aprobar a reforma que planea o Goberno de PSOE-UP significaría aumentar a caída progresiva das pensións, "que xa suma un 25% desde a modificación que se impuxo en 2011, cando se ampliou a idade da xubilación de 65 a 67 anos e se aumentou o período de cálculo dos 15 aos 25 anos".
Carril chamou a atención sobre o feito de que a poboación con máis de 65 anos acada de media 29,6 anos cotizados -moi lonxe dos 37 anos e 6 meses necesarios para acceder ao 100% da base reguladora-, que a idade media de xubilación está nos 64,71 anos e que un 5,20% da poboación se xubila aos 69,52 anos.
"Todas as reformas aprobadas nos últimos anos foron para dificultar o acceso e recortar as contías das pensións públicas. Baixo a ameaza dunha suposta quebra do sistema, o que se busca é transferir a capacidade de aforro da clase traballadora aos fondos privados", alertou.
Para Carril, o grave desta reforma é que ten lugar nun contexto marcado pola elevada carestía da vida, o empobrecemento xeneralizado dos salarios, o secuestro da negociación colectiva pola patronal e os chamamentos a un 'pacto de rendas' que ten como obxectivo "impor a moderación salarial, imposibilitando calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios".
Neste sentido, destacou que no mundo do traballo medra a flexibilidade e a inestabilidade laboral a través do abuso nos contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, que fan avanzar a precariedade e os salarios de miseria, como consecuencia de sacar adiante unha nova regulación laboral sen derrogar as reformas de 2010 e 2012. "Toda unha vida de pobreza laboral, sen unha mínima seguridade de ingresos, para chegar á hora da xubilación cun maior castigo: unha pensión que non garante o dereito a unha vellez digna".
As traballadoras, as máis prexudicadas
Pero o impacto de ampliar o período de cálculo será maior para as traballadoras por canto teñen carreiras de cotización inferiores, xa que seguen a ser as que de xeito maioritario solicitan reducións de xornada por coidado ou mesmo abandonan o seu traballo para asumir estas tarefas, sofren maiores taxa de temporalidade e unhas taxas de contratación parcial alarmantes.
"Esta maior precariedade nas condicións laborais e, polo tanto, nos salarios, ten o seu reflexo na hora da xubilación", apuntou o secretario xeral. En Galiza a fenda das pensións está no 34%, "é dicir a pensión media dunha galega é 375,6 euros menor que a pensión media dun galego".
Un novo roubo á clase traballadora
Esta reforma, xunto ás anteriores que atrasan a idade de xubilación e manteñen a xubilación parcial nunhas condicións discriminatorias e de difícil acceso, son un atranco para a xeración de emprego. Nese sentido, a CIG considera que aprobar máis modificacións que endurecen as condicións para a xubilación obriga a prolongar a vida laboral e contribúe a unha maior emigración e máis paro xuvenil.
"Por moito que se disfrace, esta reforma é un novo roubo ás clases populares", criticou Carril, lembrando que a CIG leva anos denunciando todas estas reformas e dándolle cumprida resposta, "como fixemos coa convocatoria de folga xeral en xaneiro de 2011. A Seguridade Social é unha conquista histórica da clase traballadora e a defensa do sistema público de pensións, un dereito irrenunciábel que debemos manter a toda costa. Porque, goberne quen goberne, as pensións deféndense", concluíu.
Demandas da CIG para unhas pensións dignas
Fronte aos retallos, a CIG reclama a derrogación íntegra das reformas laborais e das pensións; recuperar a xubilación aos 65 anos e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados; calcular a base reguladora segundo as bases de cotización actualizadas a data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
Así como restablecer o dereito a xubilación parcial aos 61 anos como existía antes da reforma e o recoñecemento por lei de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade e perigosidade
Xunto isto, para garantir unhas pensións dignas, a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (que debera estar nos 1.197€, que é o 60% do salario medio) como recomenda a Carta Social Europea; revalorización automática anual de acordo ao IPC interanual acumulado (e non o IPC medio, como se fai actualmente); e suprimir o factor de sustentabilidade ou de calquera outro que o substitúa, como agora o chamado Mecanismo de Equidade Interxeracional, que supoña unha baixada xeneralizada nas pensións do futuro.
Ademais, para fortalecer o sistema, a CIG reclama eliminar os topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión; a eliminación das desgravacións fiscais dos plans privados de pensións; a fin das bonificacións e descontos para o empresariado nas cotizacións. Tamén a transferencia á Administración Galega da competencia da xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.