A CIG chama a clase traballadora a participar nos actos do Día da Patria
Con motivo da celebración o vindeiro 25 de xullo do Día da Patria Galega, a CIG chama a clase traballadora a participar nos actos que o nacionalismo galego celebre en Galiza e, nomeadamente, en Santiago de Compostela. Unha data de celebración, mais tamén de reivindicación do dereito que temos as galegas/os a decidir por nós mesmas/os o noso futuro como nación, a autogobernarnos e a poder vivir e traballar na nosa terra nunhas condicións dignas.
A celebración deste 25 de xullo coincide cun momento de revitalización da mobilización social que demostra que a loita contra os recortes impostos e contra as medidas que viñeron afondar no capitalismo neoliberal dan os seus froitos. Así o constatan as últimas folgas protagonizadas pola CIG no centro de atención a emerxencias 112 ou no transporte de viaxeiros/as por estrada. Mais tamén aquelas que se manteñen con coherencia e firmeza, como en Ferroatlántica, contra un modelo económico colonial que espolia os nosos recursos naturais; no sector do metal da provincia da Coruña por un convenio digno que permita mellorar as condicións laborais e salariais e eliminar a precariedade ou en obras públicas como a da ponte de Rande, onde se impoñen abusivas condicións laborais con graves consecuencias para a vida dos traballadores/as.
Loitas, todas elas, consecuencia de todo un conxunto de políticas de recorte de dereitos, salarios, investimento e gasto público e tamén das liberdades públicas; do incremento da precariedade laboral e do debilitamento da negociación colectiva; de redución de impostos ao capital mentres se lle incrementan á clase traballadora. En definitiva, políticas que pretenden debilitar a clase traballadora no económico, no político e no organizativo.
Ao tempo que se empobrece a clase traballadora, as grandes corporacións económicas, o capital financeiro, seguen a incrementar os seus beneficios e a concentrar un maior poder económico e político. O capital controla e pon ao seu servizo aquelas institucións financeiras e políticas (Comisión Europea, Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional, etc.), que funcionan á marxe da opinión e do control da cidadanía, e que son as que ditan as políticas económicas, sociais e laborais a aplicar por parte dos gobernos e dos parlamentos, na grande maioría dos casos en mans das forzas políticas maioritarias da dereita (PP) e da socialdemocracia (PSOE) comprometidas co sistema neoliberal.
Necesidade de soberanía política
Altos niveis de desemprego, avellentamento e perda de poboación activa, emigración da xente moza; deterioro dos nosos sectores produtivos (leite, pesca, naval...); apropiación do noso aforro e da enerxía que producimos; alleamento do noso sector financeiro; deterioro dos servizos públicos; perda de galegofalante; afondamento na españolización da sociedade galega con menosprezo e infravaloración do propio, comezando polo noso idioma e seguindo polas nosas potencialidades económicas e humanas.
Todo isto enfróntanos a unha situación que levamos moito tempo a padecer e que dificulta o noso desenvolvemento pleno como pobo no económico, no social, no cultural, no idiomático e no político. A iso contribúe sen dúbida algunha, neste momento, a incompetencia manifesta da Xunta de Galiza e do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, incapaces de ofrecer alternativas e saídas centradas nos intereses das clases populares galegas. Pero tamén inflúe de forma determinante a falta de soberanía política de Galiza e o papel que tradicionalmente xogamos, no contexto do Estado e da Unión Europea, de nación colonizada, espoliada, subministradora de man de obra, materias primas e aforro.
Neste contexto, cobra aínda máis forza a necesidade de termos soberanía política para poder estabelecer os mecanismos axeitados para unha mellor defensa dos nosos sectores produtivos básicos, para modernizar as nosas infraestruturas e servizos sociais, para levar adiante unha política de emprego propia, para potenciar unha economía autocentrada ao servizo e en beneficio da maioría social. A dependencia favorece as desigualdades sociais, discrimina a nosa cultura e lingua, debilita o noso proxecto colectivo, hipoteca o noso futuro individual e social.