A CIG chama a asinar en apoio da ILP que promove a ORGACCMM para evitar a privatización dos montes veciñais en man común
A CIG fai un chamamento público a asinar en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que está a promover a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) para dotar a Galiza dunha nova lei de montes veciñais que evite o seu “roubo” mediante a privatización.
Con esta ILP, para cuxa tramitación a ORGACCMM ten iniciado unha recollida de sinaturas ao longo do país, preténdese a entrada en vigor dunha nova lexislación que teña como eixos fundamentais o recoñecemento dos montes veciñais como unha titularidade distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas, o reforzo do seu carácter xermánico e o avance na consecución dun monte veciñal multifuncional e sustentábel.
Dende o colectivo levan tempo denunciando que o PP, “e os intereses económicos, especulativos e urbanísticos que defende”, teñen proxectado o “roubo” dos montes veciñais á veciñanza comuneira -única e lexítima titular destas terras comunitarias- mediante a privatización a favor das Administracións públicas e das empresas de diversa índole (eólicas, forestais, madeireiras, mineiras, etc).
Para levar adiante este “roubo” dos montes veciñais teñen planificado para finais deste semestre a aprobación dunha nova lei de montes veciñais que ten como obxectivo a eliminación do carácter xermánico dos montes veciñais en man común “para convertelos en propiedades privadas”.
De feito, esta nova lexislación que quere aprobar o PP busca:
-Declarar, para entregarllos a mans privadas, os montes veciñais en estado de grave abandono por cuestións meramente burocráticas.
-Modificar a condición para ser veciño/a comuneiro/a, co fin de que tamén poidan selo persoas físicas e xurídicas que non vivan no lugar, na aldea ou na parroquia onde está o monte veciñal.
-Dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica para que os montes veciñais entren no tráfico do comercio e poidan ser comprados, vendidos e transmitidos.
Pola súa banda, a ORGACCMM presentou no Parlamento galego unha ILP para promulgar unha lei de montes veciñais en man común baseada nos seguintes puntos:
-Reforzar o carácter xermánico dos montes veciñais, considerando a veciñanza como único requisito para ter a condición de veciño/a comuneiro/a.
-Recoñecer o monte veciñal como unha titularidade distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas.
-Considerar como aproveitamentos e usos do monte veciñal todos aqueles que se dan nos mesmos.
-Declarar os montes veciñais en man común como unha figura de protección medioambiental e cultural en si mesma.
-Acadar unha fiscalidade xusta atendendo á figura e ás funcións dos montes veciñais e non considerándoos como meras empresas mercantís.
-Camiñar cara ao logro dun monte veciñal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega no seu conxunto.
O PP confirmou a súa negativa a retirar a proposta
Segundo vén de denunciar a ORGACCMM, o PP confirmoulle recentemente que non retirará a proposta anunciada polo presidente da Xunta de presentar directamente no Parlamento galego unha proposición para modificar a lei de montes veciñais actualmente vixente. “Confirmaron que non o van facer argumentando que se trata dunha reforma impulsada polo Goberno galego e non polo propio PP, polo que en teoría vai pasar todos os trámites, incluída a exposición pública e o debate parlamentario”, sinalaron dende o colectivo tras as xuntanzas mantidas días atrás coas tres forzas políticas con representación do Parlamento galego.
A insistencia do Grupo Popular en deixar claro que a proposta vai ir a información pública foi interpretada pola ORGACCMM como un intento de crear confusión nas persoas comuneiras, “cando todas as leis pasan este trámite”, e desactivar a recollida de sinaturas para tramitar a ILP.
Lembran que o PP é sabedor dende o 24 de novembro de 2021 que ían tramitar unha lei de montes veciñais mediante unha ILP, xa que foi anunciado pola ORGACCMM nunha concentración que tivo lugar diante do Parlamento galego ante as modificacións da lei de montes veciñais contidas na lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta “e que xa apuntaban ao intento de privatizar os montes veciñais”.
Aplicando uns mínimos principios democráticos, parecería lóxico que o PP retirase a súa proposta e agardase a que se iniciase a tramitación de lei proposta na ILP
Tamén coñece que a Mesa do Parlamento galego, con data de 24 de xaneiro de 2022, admitiu a trámite a proposición da ILP promovida pola ORGACCMM para a tramitación dunha nova lei de montes veciñais, así como que o 11 de febreiro de 2022 a Xunta Electoral de Galiza autorizou o inicio dunha recollida de sinaturas que, segundo sosteñen, está a ter moi boa acollida por parte das comunidades de montes. De igual xeito, inciden en a lei de montes veciñais que se quere aprobar a través da ILP recolle “o sentir” dun importante número de comunidades de montes.
“Diante disto, e aplicando uns mínimos principios democráticos, parecería lóxico que o PP retirase a súa proposta e agardase a que se iniciase a tramitación de lei de montes veciñais proposta na ILP; e mesmo que solicitara da Consellería do Medio Rural que manteña unha reunión coa ORGACCMM para debater a cuestión”.
Finalmente, aseguran que todo o que está a acontecer “danos máis forza” para continuar coa recollida de sinaturas para impulsar a ILP coa que conseguir dotar o país dunha nova lei de montes veciñais en man común “que reafirme o carácter xermánico da titularidade veciñal; mellore o funcionamento asembleario e democrático das comunidades; garanta que todos os aproveitamentos deste montes, incluíndo o seu voo, sexan considerados potestade das comunidades sen estar a expensas de facerlle regalos a multinacionais; considere que os montes veciñais, polas súas funcións e características, poidan ser un ben por si mesmo para a protección ambiental e cultural; e que camiñe cara a un monte veciñal multifuncional e sustentábel axustado ás demandas da veciñanza comuneira e da sociedade no seu conxunto”.