A CIG chama a asinar o manifesto '1 de outubro' a prol do referendo catalán e do dereito a decidir
A CIG impulsa e participa na promoción do manifesto 1 de outubro en defensa do referendo catalán e do dereito a decidir dos pobos. A central sindical fai un chamamento a asinar este documento e a participar na manifestación que a Plataforma Galiza con Catalunya ten convocada para este sábado, 30 de setembro, con saída ás 12 horas da Alameda de Compostela.
O manifesto (que podes asinar nesta ligazón) está promovido por organizacións políticas, sindicais e sociais e asinado por preto de 5.000 persoas de todo o estado que defenden o dereito do pobo catalán a decidir "libre e democraticamente o seu futuro e a súa relación cos pobos que hoxe conforman o Estado español".
Neste senso, no texto sublíñase que a esixencia do dereito a decidir "non vai contra ninguén, non é contra as clases traballadoras ou territorios que forman parte do Reino de España. É un sinal democrático o respecto e a solidariedade entre os pobos. Enfrontar uns pobos contra outros é a máis insolidaria das políticas".
O movemento soberanista e independentista catalán é un movemento pacífico, democrático e republicano con amplo apoio popular e que boa parte deste movemento social demanda cambios que favorezan a poboación máis afectada pola crise. "Por iso é un aliado de todos os pobos de España e de quen loitan para cambiar as políticas do PP e o goberno de Rajoy", engádese.
De aí a rotunda oposición a calquera tipo de represión xudicial ou policial que o goberno español está a aplicar contra quen exerzan os seus dereitos democráticos e contra as/os representantes e institucións lexitimamente elixidas polo pobo catalán.
A CIG anima a todas aquelas persoas que estean de acordo co dereito dos pobos á súa autodeterminación e a decidir cal é o futuro para o seu pobo a que asinen o documento e participen na manifestación convocada para este sábado 30.