A CIG chama a acumular forzas na loita contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de Marzo

A central sindical celebrou asembleas de persoas delegadas nas comarcas para analizar a situación socioeconómica e abordar as problemáticas laborais
Nacional - 11 Feb 2026

A CIG fixo hoxe un chamamento a acumular forzas mediante a loita nas empresas e na rúa contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de Marzo, datas nas que a central sindical aposta por unha importante mobilización da clase traballadora galega en demanda de traballo digno nunha Galiza con dereitos. Precisamente con este obxectivo a central sindical celebrou hoxe asembleas de delegados en todas as comarcas do país, na que tamén se analizou o actual contexto socioeconómico e se abordaron as principais problemáticas laborais.

O secretario xeral, Paulo Carril, que participou na asemblea de Compostela, sinalou a importancia dunhas convocatorias que para a CIG teñen unha especial significación polo que representan historicamente para o sindicalismo nacionalista galego e que chegan nun momento de “extensión da precariedade laboral e dos baixos salarios, especialmente entre as mulleres e a xente nova”. Un momento no que asistimos ademais ao medre do fascismo da ultradereita, “que se alimentan da aplicación de políticas neoliberais a través das últimas reformas laborais e dun diálogo social que o único que fai é lexitimar medidas que provocan o empobrecemento xeneralizado da poboación ”.

E todo isto nun contexto internacional no que o proceso de globalización neoliberal “non ten límite na súa agresividade impoñendo a guerra e o militarismo como arma para seguir acumulando riqueza sen importarlle o mantemento dun sistema mundial inxusto baseado na desigualdade e no bloqueo a países como Cuba, na intervención directa noutros como Venezuela e nas ameazas como no caso de Groenlandia ou Irán”.

Fronte a todo isto, instou a trasladar as alternativas da CIG aos centros de traballo e a animar á participación do maior número de persoas nas convocatorias do 8 e 10 de Marzo “porque só con loita e mobilización seremos quen de conquistar dereitos”.

Medidas urxentes

As principais medidas urxentes que a CIG insiste en reclamar concrétanse en seis grandes actuacións: posta en marcha Plan galego de creación de traballo digno e industrialización "que faga posíbel unha transición enerxética galega xusta"; a recuperación, ampliación e fortalecemento dos servizos públicos, "que prioricen o benestar colectivo fronte aos intereses do capital"; a aprobación dun Plan Galego pola igualdade; un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas; vivenda digna e prohibición dos desafiuzamentos; e apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía en vigor para que se recoñezan os dereitos nacionais de Galiza.