A CIG censura o boicot da Autoridade Portuaria de Vigo e do Goberno español á continuidade de Vulcano
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, denunciou hoxe os últimos movementos da Autoridade Portuaria e do Goberno español para boicotear a continuidade de Factorías Vulcano, ao tempo que reclamou un compromiso real das Administracións para recuperar a actividade industrial e o emprego no estaleiro.
Gonçalves criticou que na situación límite que atravesa Vulcano, que se atopa en risco real de desaparecer de xeito definitivo, “teñamos que seguir aturando as continuas agresións de López Veiga dende a Autoridade Portuaria” mentres a Xunta do PP “está totalmente desaparecida”.
A actuación do delegado do Goberno español é un ataque brutal contra un estaleiro centenario
O máximo responsábel da CIG-Vigo lamentou que “agora aínda por enriba atopámonos coa complicidade do Goberno español de PSOE e de Unidas Podemos”, en referencia á posición do delegado do Goberno, Javier Losada, que vén de solicitarlle ao Xulgado o remate da concesión portuaria, “que é tanto como pedir que as gradas de Vulcano non poidan volver a traballar”.
Compromiso real
Gonçalves entende que esta manobra é “un ataque brutal” contra un sector estratéxico da comarca viguesa como é o naval e contra un estaleiro centenario como o de Vulcano, cuxo peche definitivo “tería unhas consecuencias nefastas tamén para unha industria auxiliar que ten un importantísimo peso na economía da comarca, que atravesa tamén unha situación crítica”.
Por iso quixo deixar moi claro que a CIG, como primeira forza sindical da cidade, “non vai tolerar que o PP de López Veiga nin o PSOE de Losada acaben con Vulcano”. Neste senso, anunciou que a central porá en marcha toda a súa capacidade de acción e de mobilización “para pararlles os pés e esixir un compromiso real tanto da Xunta como do Goberno do Estado para recuperar canto antes a actividade e o emprego en Vulcano”.