A CIG celebrará este xoves en Vigo unha asemblea de delegadas para abordar a situación laboral e social das mulleres traballadoras
A Secretaría Confederal das Mulleres da CIG celebrará este xoves 24 unha asemblea de delegadas para abordar a situación laboral e social das mulleres traballadoras. O encontro, que terá lugar no local do sindicato en Vigo (rúa Gregorio Espino, 47) ás 10:00 horas, fai parte das iniciativas que está a levar a cabo a central para preparar a folga xeral do vindeiro 19 de xuño.
Na asemblea de delegadas, que se celebra baixo o lema 'Sumando loitas cara á folga xeral', participarán a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Marga Corral, que explicará os principais motivos que levaron a central a convocar a folga xeral do 19 de xuño; e Ester Mariño, técnica de Igualdade da CIG, que incidirá na importancia de incluír nos convenios colectivos cuestións relativas aos dereitos das mulleres.
Tamén intervirán Natividad López, economista da CIG, que debullará os aspectos do informe económico elaborado polo gabinete técnico relacionados coa precariedade laboral que padecen as mulleres; e Rosa Chantada, secretaria comarcal das Mulleres da CIG de Vigo, que fará un repaso polos principais conflitos laborais abertos na comarca que contan con maioría de mulleres.