A CIG celebra o seu VIII Congreso o sábado 9 de outubro baixo o lema “Forza para Avanzar”
A Confederación Intersindical Galega celebra este sábado día 9 de outubro, o seu VIII Congreso, baixo o lema “Forza para Avanzar”. Máis de 600 delegados e delegadas reuniranse no Pazo de Congresos de Santiago para, a partir das 9:30 horas, poñer a punto o sindicato nacionalista para os vindeiros catro anos e definir as liñas de acción sindical para afrontar “a profunda crise na que estamos inmersos, na que está en xogo o noso futuro como pobo galego”. Un momento no que “máis que nunca necesitamos reforzar a nosa capacidade de confrontar para gañar unha saída galega xusta da crise”, avanzou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
A preguntas das xornalistas informouse ademais de que está acordada unha única candidatura encabezada por Paulo Carril, aínda que se aclarou que o Regulamento precongresual contempla a posibilidade de que se presenten candidaturas até 48 horas antes de se iniciar o Congreso.
Homenaxe ás loitas obreiras da Patagonia Rebelde e Seminario Internacional
Ademais, Susana Méndez, secretaria de Organización, deu conta dos eventos previstos arredor do Congreso, nomeadamente a conmemoración do centenario das loitas obreiras da Patagonia Rebelde e a lembranza do que foi o seu líder, Antonio Soto, coñecido na Arxentina como “Gallego Soto”, o xoves día 7, ás 18:00 horas, no Teatro Jofre de Ferrol, tras unha ofrenda floral na súa casa natal, ás 17:00 horas. Actos nos que participarán membros da CUT de Chile e da CTA de Arxentina, neste caso non presencialmente por mor das restricións da covid.
Xunto a isto está prevista a celebración dun Seminario Internacional, a partir das 10:00 horas do venres día 8, baixo o lema “Na defensa do traballo na era Covid-19”, no que participarán todas as delegacións internacionais presentes no Congreso e que será clausurado por Paulo Carril.
Unha xuntanza na que, segundo explicou Méndez, farase “unha posta en común sobre a situación laboral nesta época de pandemia e das ferramentas de loita coas que contamos para defender os dereitos da clase traballadora, diante da nova ofensiva do capital e as súas novas formas de explotación”.
Entre as delegacións convidadas, a secretaria de Propaganda, Lucía Freire, sinalou a CTC de Cuba; a CGTP de Portugal; os sindicatos ELA, LAB ou a Intersindical catalana; delegacións de varios estados de Latinoamérica como Brasil, Chile e Uruguai ou de países africanos da lusofonía como Cabo Verde xunto con representantes do Sahara Occidental e de Palestina, entre outros.
Obxectivos do Congreso
Entre os principais obxectivos do Congreso Carril apuntou consolidar e ampliar a CIG como primeira forza sindical en representatividade, afiliación e capacidade de mobilización; reforzar a organización sindical e sermos referentes do feminismo de clase e reforzar o papel da CIG, a loita pola soberanía nacional e o compromiso do sindicato co movemento nacionalista galego.
Respecto do primeiro, subliñou que a maioría sindical “non se gaña dunha vez para sempre”. Por iso considerou necesario, fronte o poder do capital, consolidar a CIG no plano organizativo e ideolóxico e “convencer a máis sectores da clase traballadora da nosa alternativa, de facer valer con todas as nosas forzas e iniciativas o noso modelo sindical”.
Advertiu que o poder económico e o poder político “están a reforzar a súa ofensiva para que a CIG non siga avanzando” como considerou que xa o están facendo ao “negarnos, silenciarnos e non recoñecera nosa condición de primeira forza sindical”.
Apuntou que a actuación da central sindical seguirá centrada en formular alternativas e propostas en combinación coa mobilización para ir avanzando na resposta a dar nos centros de traballo, mais tamén nas mobilización xerais e avanzou que se seguirá insistindo en propostas como a demanda dun Plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais “que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nos aterra”.
Isto xunto coa demanda da inmediata derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e do desemprego e da aprobación dunha nova lexislación laboral que restitúa os dereitos roubados e favoreza novos dereitos e regulacións “que nos fortalezan como clase traballadora ante a nova situación de crise e as novas formas de explotación e precariedade”.
Reforzar a organización sindical e ser referente do feminismo de clase
O secretario xeral da CIG avanzou tamén que no Congreso se debaterá sobre a importancia de ser un sindicato “con gran número de afiliación e representación, unha ferramenta útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase, de sermos combativas e firmes para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade”. Mais tamén por fortalecer a resposta unitaria da clase traballadora, desde os sectores que están en mellores condicións de loita, para que fagan súas as reivindicacións dos sectores máis desprotexidos consolidando a CIG como unha organización sindical de clase que “combina a axitación nas empresas, as mobilizacións na rúa e, ao tempo, como vertebradora das propostas que, en materia de acción feminista, se realizan no país”.
Lembrou o papel clave do sindicato nacionalista en moitas das loitas que se deron en centros de traballo e en distintos sectores -tamén no público- “contra os abusos e a explotación do persoal eventual e temporal, de persoal falso autónomo, de persoal de empresas auxiliares, subcontratadas, en ETT, en empresas multiservizos ou en centros especiais de emprego”, entre outros.
Combater a desmobilización provocada polo diálogo social
Paulo Carril chamou tamén a “redobrar os esforzos” para combater a desmobilización cunha acción sindical atrevida e decidida en todos os ámbitos e coherente coa alternativa xeral que defende a CIG.
Neste sentido acusou ao chamado “diálogo social” de contribuír “ao desprestixio social da loita sindical, en tanto que facilita a caricaturización xeneralizada dos sindicatos como partícipes de componendas co poder económico e político de costas á propia clase traballadora”, un papel polo que considerou que as centrais sindicais estatais “acumulan un importante desgaste e perda de credibilidade” entre a clase traballadora.
Denunciou ademais que os sindicatos estatais teñen renunciado a “dar a batalla ideolóxica e política necesaria para contribuír a un cambio real do actual modelo económico e social” e acusounos ademais de “referendar e validar as políticas do PP” en Galiza “contribuíndo á desmobilización da clase traballadora galega e a facilitar por inacción a grave situación económico, social e industrial que temos en Galiza”.
Reforzar a loita pola soberanía nacional
O VIII Congreso da CIG reiterará tamén o compromiso da central sinidcal co movemento nacionalista, máis “na actual ofensiva do capital, que no Estado español ten lugar cunha intensa españolización e recentralización, a concentración e acumulación da riqueza é en menos mans, está causando un grave impacto negativo para o conxunto da clase traballadora galega e do pobo galego”.
Por iso Carril apostou por reforzar a CIG como “instrumento imprescindíbel para ir facendo realidade o exercicio da nosa capacidade de decidirmos por nós, sen dependencias, en pleno exercicio da soberanía nacional ao que temos dereito como nación”, porque “coa dependencia, Galiza, a clase traballadora e o pobo galego retrocederemos nas posibilidades de poder incidir e decidir sobre a política económica, social, industrial e laboral aoservizo dos nosos intereses como pobo traballadorgalego, sentando as bases da construción do socialismo, obxectivos estratéxicos da CIG”.
E concluíu que, polo tanto, este VIII Congreso é “de reafirmación do sindicalismo nacionalista, da CIG como primeira forza sindical, obxectivo difícil de ver realizado nas orixes do sindicalismo nacionalista nos anos 70, pero que hoxe é unha realidade imparábel que nos chama a actuar en todo momento de acordo aos mesmos principios e á mesma acción sindical que nos levou a ser a primeira forza sindical”.