A CIG bótase á rúa nas sete cidades polo dereito a unha xubilación digna para todas e todos

Celebrou asembleas de delegados/as para analizar a reforma que prepara o Goberno e desenvolveu mobilizacións nas sedes da Seguridade Social
- 05 Xun 2024

Centos de delegados/as da CIG tomaron hoxe as rúas das sete cidades galegas para reclamar que se garanta o dereito a unha xubilación digna para todas e todas, nun contexto no que o Goberno español está a preparar cos sindicatos CCOO e UGT unha modificación da xubilación parcial e da anticipada por coeficientes redutores que ameaza con introducir novos recortes no sistema público de pensións. Antes das mobilizacións diante das sedes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) a central celebrou asembleas para analizar o contido da reforma.

En resposta á falta de información sobre o que se está a negociar, a CIG ten en marcha unha campaña para reivindicar transparencia, que se teñan en conta as súas propostas nestas materias e os seus dereitos de participación institucional. Xa que tal e como denunciou o propio secretario xeral, Paulo Carril, -que participou na asemblea e posterior mobilización en Pontevedra- trátase dunha negociación “escurantista” que están a levar a cabo no chamado ‘diálogo social’ UGT, CCOO e a patronal “a pesar de tratarse dunha cuestión tan importante como poder ter a dereito a ter unha xubilación digna”.

Neste senso, lamentou que menos de 15 meses despois da última reforma do sistema público de pensión que endureceu as condicións de acceso a unha prestación digna “están a negociar de forma ilegal -por canto o fan fóra dos órganos de representación institucional nos que a CIG tiña que estar presente- acabar coa xubilación parcial aos 61 anos, dereito que aínda ten o persoal da industria manufactureira, e elevala até os 63, cando se fala da necesidade de rexuvenecer os cadros de persoal e cando temos o triplo de emprego xuvenil”.

Mais tamén abordan a modificación dos coeficientes redutores da idade de xubilación para actividades profesionais perigosas, tóxicas ou penosas coa idea de implementar un mecanismo “farragoso” que a bo seguro non vai solucionar a problemática que padecen moitas destas profesións, para as que se vén reclamando dende hai anos a posibilidade da xubilación anticipada.

Carril lembrou que a CIG mantivo unha xuntanza recente co secretario de Estado de Seguridade Social e Pensións “na que confirmamos o peor das versións que tiñamos sobre a reforma e deste intento de querer aparentar non se sabe que mellora no sistema público de pensións”. Por iso chamou a debater sobre este asunto nos centros de traballo e a esixir “luz e taquígrafos para que non nos metan pola porta de atrás unha nova reforma que supoña máis recortes”

Ademais, fixo fincapé en que a CIG demanda que a xubilación parcial aos 61 anos sexa un dereito para o conxunto da clase traballadora, non só para a industria manufactureira; a necesidade de retornar á xubilación aos 65 anos e non aos 67; que sexa voluntaria para aquelas persoas traballadoras que a calquera idade teñan acreditado 35 anos de cotización á Seguridade Social; e unha mellora que permita o acceso á xubilación a través de coeficientes redutores a moitas profesións perigosos, tóxicas e penosas como construción ou transporte de viaxeiros/as e de mercadorías.

Por último, insistiu na necesidade de abrir un debate social e se convoquen os organismos de participación institucional para que todos os sindicatos máis representativos -entre eles a CIG- poidan trasladar as súas propostas e garantir que o proceso sexa “democrático e máis xusto no seu resultado”.

Constátanse os recortes

A instancias da CIG, o secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, reuníronse o pasado 16 de maio en Madrid co secretario de Estado de Seguridade Social para coñecer o que se está a negociar e trasladarlle ás propostas da CIG.

No encontro denunciouse a opacidade e o secuestro que fai o Goberno español deste cambio normativo a través do diálogo social, saltándose os organismos públicos, e a negativa a respectar o papel institucional de todos os sindicatos que, como a CIG, teñen a condición de máis representativos.

Confirmouse tamén que se pretende avanzar nunha solución que endurecerá a xubilación parcial, acabando con este dereito aos 61 anos, estabelecéndoa a partir dos 63 e só para un colectivo limitado. “Esta reforma non vai ser xusta nin no recoñecemento de coeficientes redutores para moitos sectores de actividade, nin tampouco o mecanismo terá a axilidade para permitir que se recoñeza con celeridade o acceso a este dereito para novas actividades e profesións que teñen condicións especialmente penosas, perigosas e de insalubridade", asegurou Carril tras o encontro.