O sector de Banca da CIG trasládalle o seu apoio aos traballadores/as das entidades financeiras catalás
O sector de Banca da CIG vén de trasladarlle publicamente o seu apoio a todos/as os traballadores/as das distintas entidades financeiras catalás “ante a guerra sucia económica” impulsada polos sectores “encadrados na máis rancias posicións centralistas postfranquistas”.
Dende a central lembran que estes/as compañeiros/as desenvolven o seu labor nalgún caso en bancos que son froito da absorción dunha entidade galega, despois da reestruturación do sistema financeiro impulsada polos Gobernos de Madrid co obxectivo de privatizar e centralizar a banca.
“Hoxe estes traballadores/as sofren unha guerra sucia económica impulsada polos sectores encadrados nas máis rancias posicións centralistas postfranquistas”, denuncian. Na súa opinión, trátase dunha campaña que ten coma obxectivo desestabilizar as entidades catalás coa finalidade claramente política de amedrentar o pobo catalán e dar pasos na escalada belicista e de confrontación.
Pon en risco a estabilidade
“Unha actuación irresponsábel e sen deterse ante nada, que pon en risco a estabilidade do sistema financeiro, despois dos inxentes recursos públicos despilfarrados na seu rescate e privatización”. Nese senso, critican a actuación irresponsábel da prensa española ao servizo do réxime que contribuíu a espallar conscientemente o medo entre a clientela.
Por último, rexeitan tamén a conduta reprobábel “que demostra a pouca ética persoal e laboral daquelas persoas que dentro do sector deron instrucións para atacar a esas entidades utilizando como argumento esta campaña irresponsábel”.