A CIG-Banca ten convocada unha nova xornada de folga por un convenio digno nos centros de chamadas
A CIG-Banca ten convocada para este venres día 13 unha nova xornada de folga para reclamar un convenio colectivo digno no sector dos centros de chamadas. Durante a xornada levaranse a cabo mobilizacións diante das empresas Bosch en Vigo e Atento na Coruña.
De igual xeito que fixera hai un mes, a central sindical decidiu promover a folga ante a falta de avances na negociación do convenio e a postura da patronal, que teima en recortarlle ao persoal dereitos que xa ten consolidados.
A folga será de 24 horas e afectará a todos os centros de traballo de Galiza que se rexen polo convenio colectivo estatal de centros de chamadas. Coincidindo coa xornada, a CIG desenvolverá concentracións diante de Bosch na rúa María Berdiales, 20, ás 11:30 horas e de Atento, na rúa Juan Flórez, 82, ás 11:00 horas.
Dende a central sindical denuncian que a oferta de suba salarial do empresariado contempla un 0% para 2020, un 0’8% para 2021, un 2’5% para 2022 e IPC+0’5% (co tope do 2’5%) para 2023. Ademais, a patronal quere seguir mantendo a contratación a tempo parcial (con contratos de até 15 horas, pero ampliándoos cando ás empresas lles conveña).
Ao mesmo tempo, pretende aproveitar a “miserenta” reforma laboral para ampliar os prazos dos contratos temporais “e seguir manténdonos na absoluta precariedade, en vez de acatar a sentenza da Audiencia Nacional e facer indefinido a todo o persoal”.
Empobrecemento e escravitude
Outra das aspiracións das compañías pasan por reducir os complementos de IT e as horas médicas, flexibilizar a xornada máxima anual “segundo lles pareza”, eliminar o máximo de 39 horas semanais ou que excedencia especial só poida collerse fóra do verán ou do período de Nadal.
Por iso na CIG consideran que “isto non é unha negociación, é un roubo a cara descuberta que nos condena ao empobrecemento e á escravitude”, polo que chaman o persoal a loitar por un convenio xisto e digno para os centros de chamadas. “Non queremos que se volva asinar un convenio que recorte dereitos e manteña a precariedade”, sinalan.