A CIG-Banca rexeita o ERE co que o Sabadell pretende despedir a 1.900 traballadores/as
A CIG-Banca e a sección sindical manifestan o seu máis rotundo rexeitamento aos ERE que pretende aplicar o Banco Sabadell, e que afectaría a 1.900 traballadores e traballadoras: un Expediente de Despedimento Colectivo, un de Mobilidade Xeográfica e un de Modificación Substancial das Condicións de Traballo. Máis cando a entidade obtivo 220 millóns de euros de beneficios no primeiro semestre de 2021, un 51% máis que en 2020, dos que un 30% se repartirán entre o seu accionariado.
Así o expresou a sección sindical do banco na xuntanza convocada este xoves pola Dirección da entidade, como paso previo á constitución da mesa negociadora, para dar comezo á reunións do período informal establecido no convenio que ten unha duración de 10 días.
Unha xuntanza na que, denuncian, a Dirección do banco adiantou que se facilitarían os datos, sen que chegar a concretar ningún, máis alá da intención de despedir a preto de 2.000 compañeiros/as. Fronte a isto a sección sindical reafirma que “no banco non sobra ninguén” e chama a atención sobre o feito de que ao longo deste ano, se contrataran 200 “talentos”, ademais dunha decena de colaboradores para reorganizar a cúpula directiva.
“A súa conclusión é que hai que acomodarse ás circunstancias do mercado, buscar unha sustentabilidade a longo prazo e axustar custes, cando no seu plan estratéxico aseguraban que non acometerían máis recortes de persoal, despois do axuste de 1.800 persoas que saíron no primeiro trimestre deste ano”, asegura a sección sindical.
O Banco Sabadell, que xa a principios de agosto comunicou a súa intención de pechar o 35% das oficinas de Galiza -das 91 actuais pechan 31- e, daquela, negaba que pretendesen facer ningún axuste de persoal, segue así a estela do BBVA, presentando un ERE sen outra causa máis que aumentar os seus beneficios, botando 1.900 persoas á rúa. Esta medida, totalmente innecesaria, “non fará outra cousa máis que destruír emprego e aumentar a desmedida carga de traballo do persoal que quede, ademais das consecuencias da mobilidade xeográfica e funcional”.
Voluntariedade
A sección sindical xa manifestou ademais á empresa que, no caso de levarse a cabo esta redución de persoal, ao igual que a anterior, debe xirar sobre o piar básico da voluntariedade.
Xuto a isto adianta as datas das vindeiras reunións deste período informal de negociación, con anuncio do seu contido:
-Martes día 7, presentarán o Informe Técnico xustificativo da medida.
-Xoves día 9, presentarán o Plan de Recolocación.
-Martes día 14, as Medidas alternativas.
A CIG-Banca, lembra á empresa que, ao igual que no BBVA (no que se convocou unha folga secundada pola maioría do persoal que foi histórica), presentará batalla e advirte que se hai despedimentos, haberá conflito.