A CIG-Banca mobilízase en Vigo polo dereito de conciliación, contra os despidos e pola actualización salarial
A federación de Banca da CIG protagonizou hoxe unha axitada xornada de protestas en Vigo en defensa do dereito de conciliación da vida laboral e familiar, para rexeitar o despido dun traballador e para reclamar a actualización salarial nos convenios colectivos do sector.
As mobilizacións comezaron no exterior do xulgado do Social de reforzo, en Ronda de Don Bosco, ás 9:30 horas, continuando posteriormente diante das oficinas das principais entidades financeiras da cidade. A protesta no edificio xudicial tiña por obxecto solidarizarse cunha traballadora de Abanca á que a empresa lle denegou a adaptación de xornada por motivos de conciliación, polo que se veu obrigada a reclamala xudicialmente. Dende a CIG-Banca lembran que non se trata dun caso illado, senón que Abanca xa se ten enfrontado a distintos procesos xudiciais por esta mesma razón.
O nutrido grupo de delegados/as e traballadores/as que participou nas protestas foi percorrendo posteriormente as oficinas das principais entidades financeiras no marco da campaña reivindicativa pola actualización salarial dos convenios do sector, que a central sindical puxo en marcha o pasado mes de abril e que hoxe viviu a súa quinta xornada.
Deste xeito, e até o mediodía, desenvolveu concentracións diante de distintas sucursais de Abanca, Banco Santander Santander, Ibercaja, Caixabank, Banco Sabadell e BBVA. A ronda de mobilizacións rematou diante da sede de Abanca, na rúa García Barbón, para rexeitar o recente despedimento dun traballador acusado de “baixo rendemento”.