A CIG-Banca mobilízase contra o ERE no BBVA e contra a restrición de servizos á clientela
O BBVA presentou un ERE que, malia a entidade non ofrecer máis información nin documentación, sábese que atinxirá a 3.800 traballadores e traballadoras no Estado español. Na rede de oficinas de Galiza, están previstos 111 despedimentos e aínda que se descoñece a que número de persoas afectará na Dirección territorial da Coruña, a CIG-Banca estima que podería alcanzar os 130 despedimentos. Nos plans do banco está tamén pechar 59 oficinas do que denomina “Territorial Noroeste”. Por iso esta mañá representantes sindicais mobilizáronse diante das oficinas da entidade en Compostela “polo mantemento dos postos de traballo”, contra a “restrición de servizos á clientela” e para dicir “Non ao ERE”.
Así o explica o secretario da sección sindical, Xosé Miguel Fernández Vázquez que denuncia que na última xuntanza, celebrada este martes, o banco seguiu sen demostrar documentalmente as causas acreditativas do ERE, nin se abriu a negociar alternativas para diminuír o impacto sobre o emprego.
Na vez diso, denuncia que a entidade financeira “mandou a unha empresa de recolocación” para “animar ao persoal que despida a emprender”. A empresa, Randstad Outplacement, presentou un Plan de Recolocación externa para “ofrecer apoio e acompañamento” ás persoas afectadas polos despedimentos, cun programa de “reorientación profesional” co que aseguraron que se comprometían a “recolocar ao 100% do persoal cun contrato indefinido”.
Presuntas causas económicas
Fernández denuncia que a empresa argumenta causas económicas e organizativas para xustificar o ERE. “A reforma laboral do PP autoriza ás empresas con beneficios a instar EREs se hai unha baixada de ingresos nos trimestres anteriores”, sinala, e denuncia que como o actual goberno “non derrogou aínda a reforma laboral, o BBVA aprovéitase para despedir”.
O secretario da sección sindical denuncia ademais que esa baixada prodúcese, segundo o banco, por un descenso dos ingresos, “o que é normal dada a situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia”.
Para Fernández a situación “é moi grave” ademais que, en todo caso, “sigan se dar a información e documentación que xustifique as causas” e entende que así é imposible negociar. Afirma que “a dirección sabe que non as hai” e que “unha mala situación económica é incompatible cunha suba salarial para os máximos responsables desta desfeita”.
Por iso acusa ao BBVA de “mala fe evidente” e de “querer abaratar os despedimentos e consolidar a súa posición, cuestionada polos escándalos, para contentar aos accionistas maioritarios”.
Non hai cambio de hábitos da clientela, hai restrición de servizos
O BBVA apunta tamén causas organizativas como outra das xustificacións do ERE e responsabiliza á clientela disto por “ter cambiado de hábitos”.
A CIG-Banca, a sección sindical e o propio Miguel Fernández rexeitan esta xustificación e responsabilizan á entidade de pór en marcha unha política de restricións de servizos e de dixitalización forzosa que, en realidade afecta gravemente á clientela, pero tamén aos postos de traballo.
O BBVA cobra 2 euros de comisión a quen retire da propia conta. “Unha comisión inxusta que afecta fundamentalmente ás persoas maiores e en xeral ás que teñen dificultades co usos dos caixeiros”.
Por iso acusan á Dirección do BBVA de “xerontofobia”. Nese sentido o persoal asegura que “nós queremos seguir prestando servizo” porque ademais “é unha garantía dos nosos postos de traballo”.
Supresión do servizo de caixa
O BBVA está eliminando o servizo de caixa das oficinas ou restrinxindo o seu horario de 8 a 11 hs. Unha medida que a CIG entende que foi adoptada de acordo coa competencia porque “doutro xeito non podería facelo”.
A central sindical xa denunciou esta restrición dos horarios de atención á clientela na Audiencia Nacional. Porén, “a xustiza española fallou novamente a favor da Banca, mesmo alegando que esta restrición é para mellorar o servizo”, lamenta.
Ademais estanse pechando oficinas e reducindo os postos de atención á clientela. “O que fan é trasladar á clientela ás oficinas que decide o banco, normalmente xa sobrecargadas e con restricións o que provoca colas”, explica.
Respecto desta cuestión, a sección sindical denuncia que “as colas son unha falta de respecto cara a clientela” porque “estar de pé pasando frío, calor, baixo a choiva ou con xeada é inhumano”. Asegura que quen normalmente sofre esta situación é a xente maior e afirma que cando se adopta unha medida como esta para que a clientela se aburra e opte pola banca dixital, a pesar de non ter os recursos necesarios “é repugnante”.
Tal e como prevía a CIG-Banca, estas restricións á clientela teñen o seu correlato no emprego, cun efecto laboral inmediato que se traduce no ERE que vén de se presentar. Por iso alén de denunciar estas restricións de servizos adianta que “defenderemos os postos de traballo con uñas e dentes”.