A CIG-Autonómica rexeita a proposta da Axencia Galega de Infraestruturas por non recoller as demandas do cadro de persoal
Segundo explica a CIG-Autonómica, a Axencia Galega de Infraestruturas, que leva desde hai anos funcionando sen que o persoal faga as tarefas e funcións propias das súas categorías, “non presenta proposta de solución”. Considera que, porén, o que fai “as presas e correndo” é querer asinar un acordo que “non recolle as demandas dos traballadores”.
Lembra que xa no ano 2015 se inciaron unhas mesas para tratar as demandas e problemas no servizo. “Mesas que foron convocadas sen presas e moi espazadas no tempo e atopámonos agora que o 1 de setembro convocan ás centrais sindicais para chegar a un acordo xa, inmediato. Acordo que xerou expectativa entre o persoal de cara a enfrontar os problemas e que unha vez recibido o texto definitivo non é así”.
Diante disto, a CIG-Autonómica que “non pode ser que por mor do escenario político que temos nestes momentos con campaña electoral xa a volta da esquina, se pretenda que se asine un acordo que vende fume e non resolve as demandas e bota por terra as expectativas do persoal. Non se pode facer só de cara a galería, non se pode traballar só nunhas datas concretas e esquecerse do persoal os catro anos seguintes”.
Asegura que a Xunta de Galiza non pode “zafar a súa desorganización nun servizo que está tendo como consecuencia a xudicialización en moitos casos e que a Xunta está a perder cartos por ter a xente facendo tarefas que non son da súa categoría, senón de categoría superior e que no caso de asinar o acordo condenaría a este persoal a perder ese dereito que esta a gañar no xulgado”.
Entende que un servizo non pode funcionar “pola comenencia do momento á hora de asinar tarefas e funcións e que levan a desigualdades entre o persoal e a que a Xunta de Galiza estea a dar un mal servizo e por outra banda xogando cos cartos públicos”.
A isto engade ademais que “non pode ser que unha administración que ten o servizo de conservación, explotación e mantemento de estradas privatizado queira seguir mantendo esas tarefas non seus propio persoal sen recuperar o servizo como público”. E por iso demanda a recuperación do servizo fronte as privatizacións.
Rexeitamento do acordo
Segundo explica a CIG-Autonómica, o acordo fai unha racionalización de categorías do grupo III (7,8,60,23,67) e as refunde na categoría 9, Técnico/a práctico en control e vixilancia de obras, conservación e explotación.
Explica que a vixilancia nestes momentos é realizada por persoal do grupo III doutras categorías e persoal do grupo IV legoeiros. En todo caso, “a proposta ten que ser tratada no ámbito da negociación global con Función Pública de racionalización das categorías profesionais”, matiza.
No caso da definición de función dos legoeiros establece como funcións ás de execución material, vixilancia, entre outras. Inclúense os traballos de mantemento de instalación e edificios, tarefas que teñen categoría propia no V Convenio.
Para a CIG-Autonómica, “a incorporación aos legoeiros das funcións de vixilancia condea ao persoal a non poder reclamar vía xudicial algo que nestes momentos estan a gañar, a diferencia salarial por funcións de superior categoría (funcións do grupo III)”.
Xunto a isto sinala que a administración “non cuantifica” as necesidades de persoal para facer vixilancia da categoría de legoeiros, podendo darse o caso de ser cero. “Ou o caso contrario facer vixilancia a custe cero sen ter o dereito a reclamar esa diferencia salarial”.
Ademais subliña que, tendo en conta que os/as legoeiros/as son nestes momentos 133, a administración só fixa como obxectivo a creación de 30 prazas da categoría III.009 para o ano 2017, para unha OPE de promoción interna, na que pode participar calquer persoal da Xunta de Galicia que reúna o requisito de titulación.
Nas futuras OPE’s ata o 2020 a administración non cuantifica as necesidades, e deixa os números en función da disponibilidade orzamentaria e as necesidades do servizo, sen comprometer número de prazas a crear.
Por iso entende que “a proposta non plantexa solucións para o persoal legoeiro/a facendo traballos de operador de maquinaria pesada, de auxiliar administrativo, auxiliar de topógrafo, mecánico...”.
Con todo ve como único apartado positivo do acordo e que sería posibel que administración levase adiante e sen acordo “é o procedemento para facer vixilancia o persoal legoeiro/a onde o reparto de esa tarefa non sería a dedo como ata o de agora senón con un procedemento claro para todo o persoal”.
Ante isto sinala que “a CIG podería estudiar a sinatura do acordo se a categoría de legoeiro/a coas funcións de vixilancia entre outras se lle incorpore o plus de resposabilidade e outros como toxicidade e penosidade”.