A CIG-Autonómica responde con contundencia ás acusacións de CCOO, UGT e CSIF por mor da OPE
COMUNICADO
1º.- Dende a CIG-Autonómica non denunciamos o acordo antedito, senón que denunciamos unha parte de dito acordo, en concreto os puntos 1º, 2º e 3º de dito acordo, isto é, os puntos que anulan unha parte do V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.
2º.- No caso de que prospere a denuncia da CIG-Autonómica consolidaranse todas as prazas ofertadas na OPE 2016, é dicir, si o TSXG nos dá a razón, a Xunta terá que convocar e cubrir as 506 prazas, xa que as que non se cubran por promoción interna serán ofertadas a acceso libre. Non como neste momento en que CC.OO, CSIF e UGT asinaron a posibilidade de que non se cubra a oferta de promoción interna e esas prazas se amorticen.
3º.- A CIG está a garantir o dereito a promoción de todos os empregados públicos, impedindo que a Xunta de Galiza oferte só prazas de acceso libre e ningunha por promoción interna, independentemente de cal sexa a categoría e o nível.
4º.- Manifestan CC.OO, CSIF e UGT que este conflito colectivo é unha actuación política, pois ben, dende a CIG-Autonómica efectivamente consideramos que a actuación destes sindicatos é política, máis cando a oferta de emprego público de persoal laboral da Xunta de Galicia do ano 2015 non se convocou e acumúlase a do 2016 e, o que é máis chamativo, a única oferta de emprego de persoal laboral feita polo goberno do Partido Popular de Feijoo é do ano 2009 con un total de 1113 prazas, oferta que nunca foi convocada, !onde estaban estes sindicatos durante os derradeiros 7 anos¡
5º.-Manifestan que este acordo é para reducir a alta interinidade da Xunta de Galiza, algo do que nos alegramos e compartimos, pero gustaríanos que foran consecuentes, xa que a CIG non asinou este acordo, entre outras cousas, porque non cumpre as expectativas de modificación de emprego temporal por emprego fixo, xa que segundo os datos achegados pola propia administración pública galega a día de hoxe o persoal laboral é o seguinte:
Persoal laboral fixo: 5.491 traballadores/as
Persoal laboral temporal: 4.177 traballadores/as
É dicir, a oferta de emprego público de 2016 cobre o 12% do persoal temporal, e o que é máis grave, o persoal laboral temporal é o 45% de todo o persoal laboral da Xunta de Galiza, algo completamente inaceptábel.