A CIG-Autonómica pide que se anulen os convenios de colaboración para cubrir o IMELGA con persoal externo
O sector de Autonómica da CIG-Administración exixe á Vicepresidencia da Xunta de Galiza que anule os convenios de colaboración asinados Colexio de Psicoloxía de Galiza e a Asociación Nacional de Peritaxe Social para reforzar o Instituto de Medicina Legal de Galiza (IMELGA), ao entender que se trata dunha nova externalización dos servizos públicos. A CIG-Autonómica defende a consolidación dos equipos de reforzo creados nos últimos tempos coa súa incorporación na Relación de Postos de Traballo da Consellaría.
A saturación nos equipos psicosociais do IMELGA, que nalgunhas delegacións presentaban un atraso na elaboración de informes periciais de até 2 anos, foi unha das críticas expostas polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na apertura do ano xudicial en setembro de 2022.
A resposta inicial da Xunta, explica a CIG-Autonómica, foi incrementar as horas extraordinarias do persoal do IMELGA, "medida que resultou insuficiente para recortar os tempos de espera". Por este motivo, no pasado mes de novembro creáronse até 7 equipos de reforzo con persoal funcionario interino, psicólogos/as e traballadores/as sociais: 2 en Pontevedra, Santiago e A Coruña e 1 en Lugo.
A pesares das dificultades engadidas polas recentes folgas dos diferentes colectivos de persoal no ámbito xudicial, conseguíronse reducir as listas de espera en procedementos de familia, chegando o mes de maio a traballar nos iniciados no presente ano, minorándose notabelmente os tempos de agarda.
Porén, esta situación non é puntual senón estrutural. Existen subdireccións cunha demanda insostíbel para o número de equipos psicosociais que as compoñen e xa, no pasado mes de novembro, o presidente do TSXG e a entón directora do IMELGA, coincidiran na necesidade de ampliar o número de equipos para “reducir os atrasos” na emisión de informes periciais, o que repercutiría na axilización dos procedementos xudiciais.
Nova privatización
Neste mes de maio, coñeceuse o novo convenio celebrado pola Vicepresidencia Segunda con dúas institucións de profesionais, o Colexio de Psicoloxía de Galiza e a Asociación Nacional de Peritaxe Social, por un valor total de 60.000€. Para a CIG-Autonómica esta medida constitúe a externalización dun servizo público "como xa se fixo noutras ocasións, a última en 2021, que resultou cara e ineficaz e debilitou a seguridade dos/as xuíces e fiscais á hora de valorar a proba pericial". Isto foi así, apuntan, polas diferentes metodoloxías e protocolos de valoración aplicados polos/as profesionais externos, fronte á homoxeneidade conseguida entre as e os membros dos equipos psicosociais públicos.
"A diferenza con esta nova privatización, radica na existencia actual de equipos de reforzo en funcionamento, plenamente integrados na dinámica das diferentes subdireccións territoriais do IMELGA e dos órganos xudiciais galegos, constituídos por 14 persoas funcionarias interinas competentes que asumiron de forma eficaz e eficiente a tarefa de asesorar e orientar a representantes legais, xulgados e fiscalía, fornecéndolles unha información imparcial, profesional e comprensíbel que lles facilita a toma de decisións nos procedementos tramitados", subliñan.
Por iso, a CIG-Autonómica aposta pola consolidación destes reforzos na RPT da Consellaría en lugar de recorrer a convenios de colaboración. Neste senso, critican que estes convenios, "ademais de non garantir a confidencialidade dunha información tan protexida como a de menores e familias, permitirá que as e os profesionais desas institucións ocupen dependencias públicas, accedan aos expedientes e poidan rematar cunha demanda por cesión ilegal de traballadores/as".