A CIG-Autonómica mobilízase para reclamar a profesionalización das cociñas da Xunta e na defensa dos dereitos do persoal non docente

Unhas 300 persoas traballadoras do sector manifestáronse hoxe en Santiago
Nacional - 30 Xun 2025

O sector de Autonómica da CIG-Administración desenvolveu hoxe unha manifestación en Santiago na que participaron unhas 300 persoas traballadoras das cociñas xestionadas pola Xunta de Galiza para reclamar a profesionalización do sector e na defensa dos dereitos do persoal non docente dos centros de ensino públicos.

Ao remate da marcha, que arrincou dende as instalacións da Consellaría de Educación en San Caetano ás 11:30 horas, deuse lectura a un manifesto no que se recollían as principais demandas do sector, que pasan pola negociación dun acordo de condicións de traballo que recupere e mellore os dereitos do V Convenio para todo o persoal non docente, da administración e de servizos dos centros de ensino (PAS).

Tamén polo encadre das escalas segundo a titulación requirida para o acceso como laborais de acordo coa LEPG e o EBEP, e pola eliminación da Agrupación Profesional e a promoción ao C2. E pola separación das escalas de axudante de cociña e camareira-limpadora, e unha estrutura profesional nas cociñas, oficiais de 1º (xefes/as cociña-B), oficiais de 2º (C1) e axudantes (C2).

Así mesmo, exíxese a negociación de ratios para o persoal non docente, subalterno e limpador, “xa que hoxe na pública xa superan aos da privada”, así como a negociación das funcións de todo o persoal non docente dos centros de ensino públicos “e parar así os abusos que sofren”. E a recuperación salarial, rebaixada tras a funcionarización.

“Estamos fartos e fartas dos abusos desta Administración, que leva anos desprezando e vulnerando os dereitos do Persoal da Administración e Servizos dos centros de ensino, e mirando cara a outro lado á hora de dar respostas a moitos dos problemas que padece”.

Neste senso, o persoal denuncia que “agora veñen de darlle unha nova estocada ao colectivo dos non docentes, e en concreto aos profesionais de cociña, que son funcionarizados á forza ou mediante chantaxe ao subgrupo C2, escala Auxiliar de Cociña, o que se traduce en rebaixalos profesionalmente, e convertelos en axudantes de cociña, mais coa abriga de desempeñar funcións de Xefatura de Cociña”.

Persoal en fraude de lei

Este “novo ataque” deixa as persoas responsábeis das cociñas e dos comedores escolares dependentes da Consellería de Educación sen a obriga de ter que posuír a titulación Técnica en Cociña (Ciclo Medio de Cociña), que até a funcionarización era imprescindíbel para o acceso, co resultado de que o único requisito sería o graduado en ESO ou EXB.

Lembran que as persoas profesionais de cociña xa viñan arrastrando o problema de que dende hai moitos anos tiñan que acudir reiteradamente aos xulgados “para compensar uns abusos laborais que eran máis que manifestos e xa asumidos de facto pola propia Administración”.

Estas sentenzas só facían “remendar” un problema estrutural e “calmaban” a un persoal en fraude de lei. “Como se pode explicar que durante máis de 15 anos os cociñeiros e cociñeiras de Educación gañasen todas as sentenzas por reclamar unha responsabilidade acorde ás funcións que desenvolven nos seus postos de traballo e a Administración non fixera nada por solucionalo, e así evitar este enredo e gasto innecesario?, pregúntanse.

Agora coa funcionarización non só non se valoran esas sentenzas xudiciais que abalan o seu labor durante anos, “senón que nos rebaixan profesionalmente, até o punto de non ser necesaria unha titulación especifica para o acceso, ao encadrarnos no C2 auxiliares de cociña”.

Neste senso, CIG aposta por unha Administración pública profesionalizada e cualificada, na que non só o persoal profesional siga encadrado na escala Técnica que lle corresponda, senón que as persoas ás que a día de hoxe non se lle esixe titulación especifica se encamiñen cara a súa profesionalización ,como é o caso do Persoal Coidador; para o que reclaman a desaparición da Agrupación Profesional que dá lugar á segregación das escalas en diferentes especialidades, “porque non é o mesmo ser Peón de Xardinería que Axudante de Cociña ou Persoal de Limpeza”.

Principais demandas do persoal de cociñas da Xunta

-A negociación dun Acordo de condicións de traballo que recupere e mellore os dereitos do V Convenio, para todo o persoal non docente, da administración e servizos dos centros de ensino (PAS).

-O encadre das escalas segundo a titulación requirida para o acceso, de acordo coa LEPG e o EBEP.

-A eliminación da Agrupación Profesional e a promoción ao subgrupo C2.

-A separación das escalas de Axudante de Cociña e Camareira-Limpadora.

-A estruturación profesional nas cociñas, (Xefes/as Cociña-Responsábeis de Cociña (B), Cociñeiros/as (C1) e Axudantes de Cociña (C2).

-A renegociación de ratios para o persoal non docente, subalterno e limpador que hoxe na pública xa son peor que na privada.

-A negociación das funcións e condicións de traballo do persoal coidador, administrativo, subalterno e resto de escalas que prestan servizo nos centros de ensino.

-Unha mellora salarial.